A valedora atenderá en persoa as queixas da cidadanía nun encontro o 24 de xaneiro no concello de Guitiriz

17 Xaneiro, 2018 Institución, Novas, Transparencia

Milagros Otero aproveitará a visita a este municipio para se reunir coa alcaldesa e membros da corporación municipal e coñecer algúns dos principais problemas da comarca.


Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2017
. A valedora do pobo, Milagros Otero Parga, trasladarase o próximo mércores 24 de xaneiro á localidade luguesa de Guitiriz. A institución invita a todos os interesados a participar ese día nun encontro de atención directa á veciñanza. Atenderá en persoa as queixas e consultas que queiran facerlle chegar nunha xuntanza que se celebrará entre as 16.00 e as 18.00 horas na Casa Habanera deste municipio.

O programa da valedora do pobo incluirá unha visita á Casa do Concello (12.00 horas) onde se entrevistará coa alcaldesa, Regina Polín Rodríguez,  e cos membros da Corporación Municipal e deixará constancia da visita no libro de sinaturas municipal.

O obxectivo da actividade é achegar os servizos que ofrece a institución do Valedor do Pobo á cidadanía co fin de atender, protexer e defender os seus dereitos fronte ás actuacións das administracións públicas en políticas agrícolas e gandeiras, sanitarias, educativas, de vivenda, servizos sociais, medio ambiente, xustiza, urbanismo; e tamén en cuestións relacionadas cos servizos de interese xeral, como poden ser as reclamacións con empresas de subministración de servizos públicos, entidades financeiras, etc.

Aínda que se fixo chegar invitación a través do Concello, a oficina do Valedor do Pobo convida a veciños de todas as parroquias e de localidades próximas a se achegar ao encontro.  A propia valedora e o persoal da institución estará a dispor dos interesados de 16.00 a 18.00 na Casa Habanera en Rúa do Concello, 42.

Calquera persoa ou colectivo poderá dirixirse directamente á valedora e trasladar a súa reclamación, aínda que, para unha mellor prestación do servizo, poderase concertar unha cita previa chamando ao teléfono 981 569 740 ou enviando un correo electrónico a comunicacion@valedordopobo.gal.

A visita a Guitiriz forma parte do programa de encontros que cada mes a titular da institución realiza nun concello de Galicia con especial interese, nos últimos tempos,  en coñecer os que teñen unha configuración máis rural. A institución do Valedor do Pobo quere agradecer a colaboración brindada pola alcaldía de Guitiriz para organizar o encontro.

Nos últimos meses a defensora trasladouse a Carballeda de Avia, Láncara, Curtis, Marín, Monforte, O Barco de Valdeorras, Carballo ou Viveiro entre outras localidades. Os casos problemáticos que achegan os veciños nestas xuntanzas inician a súa tramitación con carácter inmediato e tamén adoitan atopar solucións en moi pouco tempo.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal