A valedora asiste a unha nova xuntanza de comisionados autonómicos de transparencia en Madrid sobre metodoloxías para medir a transparencia da actividade pública

14 Abril, 2016 Institución, Novas, Transparencia

A valedora do pobo, Milagros Otero Parga, e o seu adxunto, Pablo Cameselle Martínez, asisten hoxe en Madrid á segunda xuntanza convocada polo Consejo de Transparencia y Buen Gobierno (CTBG) cos representantes dos consellos de transparencia das comunidades autónomas. Nesta ocasión, a presidenta do CTBG, Esther Arizmendi e representantes da Agencia Estatal de Evaluación de las Políticas Públicas y Calidad de los Servicios (AEVAL) presentarán os traballos desenvolvidos para tratar de implantar unha metodoloxía que permita medir a transparencia da actividade pública.

Precisamente case que todos os órganos de control da transparencia creados nas diferentes comunidades teñen encomendada a función avaliadora do seu cumprimento por parte das administracións públicas. No caso da valedora do pobo, como comisionada da transparencia e presidenta da Comisión da Transparencia de Galicia (en trámite de creación), debe publicar con caráter anual no seu informe ordinario unha epígrafe específica relativa ao grao de aplicación e cumprimento da Lei galega 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. O deseño de ferramentas de medición e avaliación do cumprimento das diferentes normativas permitirán nun futuro consolidar modelos estándar, ideais para poder valorar e comparar os resultados obtidos.

Despois da entrada en vigor da lei galega de transparencia, a institución do Valedor do Pobo traballa na posta en marcha da Comisión da Transparencia de Galicia, que estará presidida pola valedora e contará coa vicepresidencia do seu adxunto. Despois de ter coñecemento, esta mesma semana, dos últimos nomeamentos de vogais, que representan á Xunta de Galicia, ao Consello Consultivo, ao Consello de Contas e á FEGAMP;  daráse traslado aos boletíns oficiais da resolución de nomeamento para poder celebrar, nos próximos días,  a primeira sesión, neste caso constitutiva, deste órgano colexiado adscrito ao Valedor do Pobo. Desde ese momento, a Comisión será a encargada de responder a todas as reclamacións que a cidadanía presente contra as resolucións administrativas en relación con incumprimentos no dereito de acceso á información pública.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal