A valedora aplaude o inicio da reforma da lei electoral para garantir o dereito a voto das persoas con discapacidade

10 Novembro, 2017 Dereitos, Discapacidade, Novas

No seu último informe extraordinario sobre discapacidade intelectual, a institución xa recomendara a reforma da normativa electoral para eliminar as limitacións xenéricas ao exercicio dos dereitos destas persoas.

Santiago de Compostela, 10 de novembro. A institución do Valedor do Pobo valora positivamente a aprobación esta semana por unanimidade no Congreso do inicio da reforma da normativa electoral que suprimirá as limitacións e controis xudiciais que, con carácter xeral, deixaban sen posibilidade de acudir ás urnas as persoas con discapacidade intelectual.

A valedoría recomendou xa no seu último Informe Extraordinario sobre discapacidade, Os dereitos das persoas con discapacidade intelectual en Galicia, a modificación da normativa electoral para reforzar o dereito a voto das persoas con discapacidade intelectual como un dos mecanismos propostos para afirmar os seus dereitos fundamentais.

Trátase de acabar coas limitacións na capacidade de obrar que afectan a dereitos de carácter político e fundamental. As limitacións neste ámbito son a regra xeral da nosa normativa electoral, sindical ou de asociación, todas elas reguladoras de dereitos fundamentais. De aí que o impulso, co apoio unánime do Congreso, da reforma da lei electoral resulte un paso decisivo para eliminar as trabas existentes.

O cambio da regulación electoral constitúe unha das demandas máis solicitadas polas organizacións que traballan en colaboración co Valedor do Pobo e que representan a persoas con discapacidade. O dereito de voto debe encontrarse garantido para esta parte da cidadanía. Para iso debe procurarse a accesibilidade a instalacións e medios de votación, a protección do voto en condicións de liberdade, o dereito a concorrer nas mesmas condicións que os demais cidadáns, o dereito ao cargo (facilitándoo no posible mediante as novas tecnoloxías e as tecnoloxías de apoio) e o apoio persoal con garantías, mediante a asistencia para votar de persoas de confianza.

A protección do dereito de sufraxio resulta clave para a preservación da dignidade da persoa, da súa inclusión na comunidade política e para a garantía dos seus dereitos civís e políticos.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal