A valedora aplaude a creación do carné da discapacidade, unha vella demanda que lle achega desde hai anos o colectivo

20 Abril, 2016 Discapacidade, Novas

A valedora do pobo, Milagros Otero Parga, aplaude a creación dunha tarxeta acreditativa para as persoas que contan con algún tipo de discapacidade en Galicia. Esta iniciativa, materializada nunha orde da Consellería de Política Social, foi promovida pola institución do Valedor do Pobo durante os últimos exercicios en sucesivas recomendacións, nacidas das reivindicacións achegadas polos representantes das persoas con discapacidade na nosa comunidade.

O carné, tal e como se defendeu nos últimos anos,  permitirá identificar a todas estas persoas no acceso aos servizos que precisen. As propostas da valedoría sempre foron na liña de deseñar unha identificación única para permitir acreditar á discapacidade e situar a Galicia ao nivel de moitas outras comunidades con modelos semellantes xa implantados de longo. Ademais resultaron reiteradas as recomendacións do Valedor do Pobo, nos últimos anos, para mellorar a expedición e renovación deses documentos.

A identificación constitúe unha vella reclamación do colectivo de discapacitados galegos ante a necesidade de substituír ás obsoletas certificacións en papel que se daban ata o de agora ás persoas discapacitadas. Estes modelos precisaban de renovación moi frecuente dado o rápido deterioro froito do seu uso intensivo. Esta demanda é agora atendida pola Consellería de Política Social que anunciou, por medio dunha orde, a posta en funcionamento este mesmo verán da “tarxeta acreditativa do grao de discapacidade” que beneficiará a máis de 200.000 galegos e galegas que teñen legalmente recoñecidas discapacidades físicas, psíquicas ou sensoriais.

A convención sobre os dereitos das persoas con discapacidade ten como un dos seus principais propósitos “promover, protexer e asegurar o goce pleno e en condicións de igualdade de todos os dereitos humanos e liberdades fundamentais por todas as persoas con discapacidade e promover o respecto da súa dignidade inherente” (art. 1). Para iso a promoción pública dunha fácil identificación resulta especialmente útil.

Un dos principais obxectivos das políticas de promoción dos dereitos das persoas con discapacidade debe ser a garantía da súa participación en todos as ordes da vida (educativo, laboral, ocio, mobilidade … ) en igualdade de condicións que o resto das persoas, o que esixe como medio instrumental útil a facilidade á hora de acreditar a súa diversidade funcional, circunstancia que se precisa con frecuencia. A mellor práctica existente na actualidade para facelo era a de expedir unha tarxeta de discapacidade como fixeran outras comunidades. Agora Galicia impulsa o modelo consolidado neses territorios. A valedoría permanecerá vixiante para que realmente sexa un instrumento útil e facilitador da efectividade dos dereitos e da completa integración destas persoas en todos os ámbitos.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal