A valedora amosou aos traballadores de Sargadelos a súa vontade de axudalos na súa visita de onte a Cervo

21 Setembro, 2018 Institución, Novas, Transparencia

Milagros Otero mantivo un encontro na Casa do Concello co alcalde e membros da corporación. Pola tarde atendeu un grupo de veciños que se achegaron á Casa do Mar para expor as súas inquedanzas.


Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2018
. A valedora do pobo, Milagros Otero Parga, celebrou onte unha xornada de encontro coa veciñanza de Cervo. As persoas citadas na Casa do Concello achegáronlle as súas queixas nunha sesión aberta celebrada no Salón de Actos da Casa do Mar de San Cibrao . Participaron unha vintena de veciños que puideron falar coa valedora durante dúas horas. O conflito laboral aberto na factoría local de Sargadelos centrou gran parte da axenda.

A visita incardinouse dentro dos desprazamentos que a institución do valedor do pobo fai cada mes a puntos de Galicia para dar a coñecer á institución e achegarse á cidadanía a pé de rúa. Nesta ocasión, a valedoría atendeu unha invitación realizada expresamente polo alcalde de Cervo, Alfonso Villares.

Nunha primeira parte da xornada, a valedora do pobo coñeceu as dependencias municipais, onde puido falar polo miúdo cos traballadores do concello e con membros da corporación municipal, do equipo de goberno e da oposición. Ademais das necesidades habituais de reforzar á atención aos servizos sociais e á dependencia nos núcleos máis envellecidos de Galicia, a actual situación da factoría de Sargadelos en Cervo, centrou gran parte da axenda.

Tal e como expuxo a valedora, tanto aos representantes municipais como aos veciños congregados na Casa do Mar, a institución do Valedor do Pobo pode “facer pouco” ante unha relación de dereito privado, xa que, por lei, estas cuestións exceden do seu ámbito competencial. A pesares diso, a valedora do pobo comprometeuse coa cidadanía de Cervo a exercer “ a vixilancia dos dereitos dos traballadores para que sexan atendidos”.

Milagros Otero insistiu en que hai que seguir falando e incidindo na mediación:  “Como valedora e como persoa estudosa do tema creo que hai que ceder e entender que as posicións extremas nunca son as mellores”. Apelou para iso á colaboración das autoridades locais e, en especial, das persoas afectadas polo conflito para que se acheguen á institución do Valedor do Pobo co seu problema concreto, facilitando os datos particulares para tratar de atopar puntos onde se poda axudar. “Imos facer un traballo de colaboración, temos vontade de axudar, déannos as claves e os puntos de vista concretos nos que podamos incidir”, insistiu ante a veciñanza de Cervo.

Da contaminación ao mantemento de camiños

Ademais da situación que afecta a Sargadelos, os veciños que asistiron a xuntanza instaron á valedora do pobo a investigar o controvertido vertido de residuos en A Caosa ou os atrancos para a catalogación, por parte de Patrimonio de Lugo, de bens arqueolóxicos atopados en A Mariña para a súa protección.

No encontro, a valedora do pobo puido coñecer da iniciativa veciñal para instaurar a oficialidade do topónimo San Ciprián ou da necesidade de mellorar o estado das estradas desta comarca que manteñen os mesmos puntos negros, segundo indicou algún dos asistentes, que hai unha década.

As melloras no mantemento dos camiños municipais, a xestión das listas de espera na sanidade e mesmo as políticas de transparencia municipal foron outros dos temas sobre os que incidiron os cidadáns, e que serán obxecto de supervisión por parte da oficina do Valedor do Pobo.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal