A valedora acadou o compromiso para que a TVG sexa máis accesible para persoas xordas tras atender máis de 1.000 queixas

12 Xuño, 2018 Dereitos, Discapacidade, Exclusión social, Institución, Novas

A institución do Valedor do Pobo recomendou á Compañía Radio e Televisión de Galicia o incremento da accesibilidade para persoas xordas e a emisión dun mínimo de 10 horas semanais en lingua de signos. A súa petición foi aceptada.

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2018. A valedora do pobo, Milagros Otero Parga, quixo unha vez máis dar voz “aos que non a teñen ou a teñen inaudible” e atendeu ás peticións achegadas por máis dun milleiro de persoas en demanda de maior accesibilidade nas emisións da televisión pública autonómica. O pasado mes de abril realizou unha recomendación á Compañía Radio Televisión de Galicia (CRTVG) para que cumprise co horario mínimo legal de emisión en lingua de signos de 10 horas semanais e incrementase as medidas de accesibilidade na súa programación. A CRTVG vén de aceptar o recomendado e comprometeu para o ano 2019 a cobertura mínima de emisión de 10 horas en lingua de signos, melloras na audio descrición de contidos e tamén no subtitulado.

Máis de mil persoas dirixiron as súas queixas á valedoría nos últimos meses sobre os problemas de accesibilidade das emisións da TVG para persoas xordas, xordo cegas ou con problemas auditivos. As súas demandas, alentadas pola Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia, puxeron o foco no déficit de informativos emitidos en lingua de signos, o que lles impedía acceder ás noticias actualizadas en igualdade de condicións que o resto da cidadanía.

A intervención da valedora do pobo permitiu comprobar que efectivamente a canle televisiva pública non estaba a chegar ao mínimo legal esixible de emisión de 10 horas con apoio en lingua de signos. Ata o de agora, a comunidade xorda só tiña acceso a un servizo de noticias, unha vez ao día, de luns a venres, que se emitía ás 15:30 horas cunha duración de 60 minutos. Non existían tampouco subtítulos para os programas informativos emitidos durante o longo do día.

Recomendación aceptada

Como servizo público autonómico, a TVG debe adoptar medidas de incremento progresivo de accesibilidade aos seus espazos a persoas xordas, xordo cegas ou con discapacidade auditiva. Así llo fixo saber a valedora do pobo na recomendación dirixida o pasado mes de abril á dirección da CRTVG, que incidiu na necesidade de chegaren á emisión mínima legal en lingua de signos nos servizos informativos e no incremento de horas de emisión con intérprete e subtítulos na súa programación en xeral.

A recomendación foi aceptada polo ente público que destinará unha partida orzamentaria que repercutirá en melloras importantes de accesibilidade que se notarán a partires do ano 2019. A dirección da CRTVG comunicou que chegará a acordos coa Consellería de Política Social para fomentar iniciativas que permitan cumprir as previsións legais e que xa en 2019 ofrecerá 10 horas de cobertura en lingua de signos, de acordo co previsto na lei do audiovisual. Ademais seguirá a traballar na denominada audio descrición  para ter un software que permita o uso da ferramenta en galego. En canto ao subtitulado anunciou que instará aos seus provedores de produtos audiovisuais a cumprir coa súa obriga de entregar os traballos subtitulados.

A valedora do pobo celebrou que “nun razoable tempo” o ente público vaia acadar os estándares solicitados na queixa e recomendados pola propia institución. Permanecerá vixilante para que así sexa.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal