Milagros Otero Parga preocúpase por unha das demandas realizadas polos participantes na recente convocatoria do programa “Correlingua” na defensa do galego. Os máis novos indicaban nos seus manifestos que non é posible estudar os manuais de conducir en idioma galego.
Santiago de Compostela, 16 de maio de 2017. A valedora do pobo, Milagros Otero Parga, acubillou unha das demandas escoitadas nos manifestos lidos polos escolares que participaron na última edición das marchas Correlingua en prol do idioma, e abriu unha queixa de oficio para coñecer se as autoescolas están a garantir a formación dos novos condutores na nosa lingua.
Milagros Otero dirixiu unha carta á Federación Galega de Autoescolas na que demanda a súa colaboración para coñecer se efectivamente é imposible na actualidade acceder aos manuais de formación de novos condutores en galego. Se é así, a valedora do pobo tamén quere saber que medidas ten previsto implantar a federación para o achegamento destes textos tamén en galego ás academias que forman a novos condutores.
Con motivo da apertura da investigación de oficio, a valedora do pobo tamén dirixe un escrito á Secretaría Xeral de Política Lingüística. Solicítaselle que informe sobre os datos que teña ao respecto desta carencia e sobre as accións emprendidas ou que pretende levar a cabo para a plena incorporación da lingua galega á formación de condutores noveis, garantindo deste xeito os seus dereitos lingüísticos.
The comments are closed.