A valedora do pobo participa xunto cos defensores do pobo de toda España estes 23 e 24 de outubro nas XXXIII xornadas anuais de coordinación de defensores que se celebran en Alacante e que versan sobre violencia de xénero, máis concretamente sobre a atención que reciben mulleres e menores vítimas desta violencia.
As Xornadas de Coordinación de Defensores do Pobo supoñen a principal cita do ano para as defensorías no seu traballo a prol dos dereitos das persoas. A organización é rotativa e nesta ocasión correspondeu ao Síndic de Greuges da Comunitat Valenciana.
No acto de inauguración, ao que asistirá a valedora do pobo, intervirán o president de Lles Corts Valencianes, Enric Morera i Català, o defensor do pobo de España, Francisco Fernández Marugán e o síndic de greuges da Comunitat Valenciana, José Cholbi Diego.
Mª Ángeles Carmona, presidenta do Observatorio contra a Violencia de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial ( CGPJ) impartirá a conferencia inaugural que versará sobre os retos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e a aplicación das medidas que recolle este acordo que foi aprobado por maioría no Congreso hai agora un ano.
A continuación, Jorge Cardona, membro español do Comité de Dereitos do Neno da ONU, centrará a súa exposición na intervención e rede de recursos para atender a menores vítimas de violencia de xénero.
A sesión do día 23 de outubro complétase con outros dous relatorios, un deles a cargo da fiscal de Violencia de Xénero e portavoz da Fiscalía de Valencia, Susana Gisbert, que leva como título As vítimas da violencia de xénero e a outro impartido polo profesor de Psicoloxía na Universidade de Deusto Felix Loizaga, que poñerá o foco nos estilos de apego e vínculos emocionais en menores vítimas de violencia intrafamiliar.
Durante a mañá do 24 de outubro, celébrarase unha mesa redonda na que participarán representantes de diferentes defensorías para poñer en común as conclusións extraídas e acordar unha declaración conxunta. Esta declaración das defensorías trasladarase ás diferentes administracións implicadas coa finalidade de lograr maior protección e mellor atención a cada unha das vítimas de violencia de xénero.
Actualmente, ademais do Valedor do Pobo de Galicia e da institución do Defensor do Pobo estatal, funcionan outras oito valedorías autonómicas, todas elas presentes nestas xornadas en rerpesentación do País Vasco, Andalucía, Navarra, Canarias, Aragón, Castela e León, Cataluña, e Comunidade Valenciá.
O ano pasado a organización correspondeu ao Valedor do Pobo. As defensorías citáronse no Parlamento de Galicia para afrontar os seus retos ante a implantación da transparencia na administración.
Programa das XXXIII Xornadas de Coordinación de Defensores do Pobo
The comments are closed.