A SAREB comprométese ante a Valedora do Pobo a analizar caso por caso as situacións de vulnerabilidade das persoas afectadas polos desafiuzamentos dun edificio de Narón.

28 Decembro, 2021 actualidade, Novas, Novas

A Valedora do Pobo iniciou o 26 de novembro unha investigación de oficio, ao coñecer pola información publicada nun medio de comunicación a problemática que afectaba a quince familias, residentes nun edificio en Narón, por mor das notificacións de desafiuzamento do Xulgado de Primeira Instancia número 2 de Ferrol, que recibiran días antes, nas que se lles notificaba que o 2 de decembro terían que deixar libres as vivendas, que constitúen a súa residencia habitual.

De acordo coa información publicada, SAREB, sería a propietaria das devanditas vivendas e a demandante nos autos que se seguen no Xulgado nº 2 de Ferrol.

É por iso que esta institución, coñecedora do compromiso cívico de Sareb en diferentes ámbitos das súas actuacións como son as derivadas do desenvolvemento da súa Política de Responsabilidade Social e a promoción, dos seus estándares éticos e dos principios contidos no Pacto Mundial de Nacións Unidas, de inmediato iniciou interlocución coa sociedade e incoou investigación sumaria e informal a fin de aclarar a problemática exposta e os feitos en que se basea, co obxectivo de brindar protección ás persoas afectadas.

Recibiuse comunicación de SAREB que se incorporou á investigación, informando:

“… que os lanzamentos previstos para mañá xoves 2 de decembro foron suspendidos polo propio xulgado…

… Como moi ben indica a súa Excma. Sra. o compromiso cívico de Sareb é de manter os  maiores estándares éticos e Principios mantidos no Pacto Mundial de Nacións Unidas, de facilitar un fogar para a materialización de calquera proxecto persoal, especialmente a aquelas  persoas en situación  de vulnerabilidade.  Gustaríanos  trasladarlle por tanto, que Sareb entende a preocupación que poidan ter os veciños afectados e comprométese a estudar aquelas situacións de vulnerabilidade que se poidan  presentar.”

 

Ao lograr tras a mediación efectuada, o compromiso da sociedade estatal de analizar as situacións de vulnerabilidade que se poidan presentar entre as persoas afectadas sobre as que pesaba unha orde de desafiuzamento das vivendas nas que residían en virtude de contratos de arrendamentos, concluíuse satisfactoriamente a investigación.

 

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal