A nova titular do Valedor do Pobo, Milagros Otero Parga, tomará posesión do cargo nun acto institucional que se celebrará o próximo 2 de setembro no Pazo do Hórreo, sede do Parlamento de Galicia. No mesmo tomarán parte a presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, así como outros representantes das institucións da nosa comunidade, ex valedores e antiguos vicevaledores.
Con este acto, o alto comisionado parlamentario pasará a ter unha nova titular que continuará co traballo desenvolvido nos tres últimos anos por José Julio Fernández ao frente da institución.
O Valedor do Pobo é unha institución parlamentaria comisionada do Parlamento de Galicia. O nomeamento dos novos titulares faise por maioría cualificada da Cámara.
A entrada dunha nova titular na institución coincidirá coa entrada en vigor dunha nova Lei do Valedor do Pobo. Esta modificará o organigrama actual da institución, reducindo o número de altos cargos, e será moito máis esixente co desenvolvemento das funcións propias da valedoría, como a tramitación de queixas das galegas e galegos en relación con problemas detectados no funcionamento das administracións galegas e a divulgación dunha auténtica cultura de dereitos entre toda a cidadanía.
The comments are closed.