A maior “madurez democrática” dos galegos e a proposta mediadora da institución leva as actuacións de atención á cidadanía da valedora a cifras históricas

27 Xuño, 2016 Institución, Novas, Transparencia

A valedora do pobo, Milagros Otero Parga,  entregou hoxe o Informe Anual 2015 ao presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices. Posteriormente, compareceu ante os medios para dar conta das cifras e aspectos máis salientables do documento. O Informe anual recolle a actividade despregada pola institución durante 2015. O número xeral de actuacións de atención á cidadanía (queixas, atención telefónica e presencial) incrementouse de xeito notable ata acadar a histórica cifra de 46.843. Delas, 39.409 deron lugar a expedientes de queixa, o que permitiu ao alto comisionado parlamentario investigar un total de 2.287 actos administrativos.

O ano no que se produciu o cambio de titularidade na valedoría coincide cun incremento do 52% das actuacións de atención á cidadanía en xeral e dun 63% en canto a queixas tramitadas. Este incremento, segundo subliñou Milagros Otero, non significa necesariamente “que a situación dos galegos sexa peor, senón que estes foron máis conscientes dos seus dereitos e da defensa dos mesmos que pode facer a institución do Valedor”. A valedora engadiu que “os galegos quéixanse cada vez máis ao Valedor do Pobo porque a súa madurez democrática vai en aumento, porque son máis coñecedores dos seus dereitos e tamén porque se senten ben atendidos por unha Institución que é gratuíta, máis próxima ao cidadán, máis rápida e máis clara”.

Estes incrementos coinciden cunha pequena redución no número de asuntos abordados nas queixas, o que evidencia unha maior organización das persoas que presentan iniciativas en grupo. Máis de once mil persoas deron soporte, deste xeito, a unha queixa polo cambio de residencia das persoas maiores no marco da Lei de Dependencia. Máis de 8.000 apoiaron as familias das vítimas dun buque afundido en demanda do seu reflote.

Un dos propósitos da nova valedora foi axilizar a tramitación dos expedientes. Este obxectivo acadouse grazas a normalización das comunicacións electrónicas cos cidadáns e cos órganos administrativos.  Ao remate do ano, o 94.5%% das queixas iniciadas xa constaban como finalizadas, mellorando en tres puntos os rexistros anteriores. Abriuse investigación no 91% das peticións achegadas e o número restante tivo que ser rexeitado con carácter xeral por cuestións competenciais.

En 2015 o Valedor do Pobo realizou 160 recomendacións aos entes públicos para corrixir os seus actos administrativos. As aceptacións acadaron o 83%, o mellor rexistro dos últimos anos, 15 puntos por encima de 2014.

 

ACTUACIÓNS DESTACADAS

Os temas que máis preocuparon aos galegos na anualidade estiveron relacionados cos servizos sociais, o emprego público, a sanidade e as políticas municipais. Milagros Otero fixo fincapé na necesidade da mediación e comunicación efectiva entre os cidadáns, o Valedor do Pobo e as Administracións Públicas.

Menores

A valedora do pobo referiuse nomeadamente a varias áreas nas que a institución está actuando con especial énfase, como é o caso da defensa dos dereitos dos menores, no referente aos problemas derivados dos acollementos, os problemas coa administración educativa (admisión de alumnado, comedores escolares, paradas de transporte, etc.) ou o acoso escolar.

LGTBI

No informe anual tamén se recolle unha mención especial aos dereitos do colectivo LGTBI, sobre o que se publicou un informe extraordinario en febreiro deste ano. “O contacto coas asociacións fíxome percibir con toda claridade, a pluralidade de necesidades, demandas e perfís, e en definitiva, de situacións persoais que coinciden unicamente na obrigación de garantir os dereitos inviolables das persoas, e a eliminación de toda discriminación”, destacou neste punto a valedora do pobo.

Mediacións

A valedora do pobo remarcou varios casos concretos nos que se puxo de manifesto a necesidade da acción mediadora da institución. No eido do medio ambiente, amais das numerosas recomendacións emitidas a raíz de queixas contra a contaminación acústica, Milagros Otero lembrou a queixa colectiva, emitida por máis de 11.000 asinantes, referente á protección da Fraga de Catasós. “As consellerías implicadas e o concello de Lalín aceptaron a nosa recomendación para promover as medidas necesarias para revisar o trazado da liña de alta tensión que ameazaba a zona”, destacou.

No tocante ás queixas presentadas debido ás tributacións das pensións dos emigrantes retornados de Alemaña, aos que se lles viña aplicando a dobre imposición, a valedora lembrou que esta actuación seguía aberta. Sobre os temas de vivenda e hipotecas, Milagros Otero fixo un chamamento ás Administracións e entidades bancarias para “incrementar esforzos” no problema dos desafiuzamentos e cláusulas chan, para que “se poida dar cumprimento real ao dereito a unha vivenda digna”.

A valedora lembrou tamén a problemática de convivencia xerada na Praza do Toural, en Santiago de Compostela, debido á presenza de persoas sen fogar. Sinalou que “a dignidade das persoas debe ser protexida”, pero tamén se debe velar polos “dereitos das persoas que desexan vivir nunha contorna segura, limpa e libre de ruídos”. Actualmente, dixo, “o problema aínda non está resolto pero se aprecian mellorías na súa manifestación”.

Non menos relevante resultou o papel desenvolvido pola institución en asuntos como as rendas de inclusión social, a situación do sector lácteo e pesqueiro, as listas de espera na sanidade pública e a defensa dos dereitos sanitarios das persoas con menos recursos.

Transparencia

A transparencia constitúe un dos compromisos máis firmes da institución na actualidade.  Se durante o 2015, o Valedor do Pobo abriu un pioneiro portal de transparencia con toda a información relevante na materia, nestes inicios de 2016 xa puxo en marcha a Comisión da Transparencia, que preside a valedora, e que ten o encargo de tramitar as reclamacións que achegue á cidadanía ante presuntas vulneracións do seu dereito de acceso á información pública. Ante isto, a valedora subliñou que é “preciso prestar consideración especial á necesidade de asegurar o control cidadán sobre a actividade dos poderes públicos”.

Chamamento á colaboración

Por todo isto, a valedora rematou pedindo a colaboración “de todos” para conseguir “unha institución máis sensible, máis aberta e máis próxima aos problemas dos cidadáns”. Unha colaboración que debe saír dos cidadáns, para que usen a institución do Valedor para a reclamación do que necesiten  “pero que o fagan con xusta causa conscientes dos seus dereitos e liberdades, pero tamén dos seus deberes e responsabilidades”; e dos poderes públicos que, indicou, “non deben sentirse agraviados senón colaboradores” co fin de que “axuden sendo máis sensibles ás necesidades das persoas e máis rápidos á hora de responder ás múltiples peticións que se lles envían”.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal