As consellerías de Política Social e Sanidade da Xunta de Galicia acordaron desenvolver un sistema informático que facilitará aos cidadáns os trámites de valoración de discapacidade. Este sistema comunicará as bases de datos das dúas consellerías para poder acceder á documentación de cada paciente, co que se evitarán os desprazamentos, retrasos e inconvenientes que sofren as persoas que se ven obrigadas a realizar este proceso. Este acordo foi posible grazas a unha recomendación realizada pola valedora do pobo a raíz dunha queixa presentada por unha afectada.
Ata o de agora, os profesionais médicos dos equipos de valoración non tiñan acceso ao programa informático do SERGAS, polo que non quedaba máis remedio que solicitar os informes pertinentes aos propios interesados. Deste xeito, os cidadáns sufrían demoras que, en moitos casos,dificultaban os trámites na alta e renovación das discapacidades.
En resposta á queixa referida, o informe do Valedor do Pobo indicaba que “a Administración non debe reclamar aos cidadáns ningún documento que xa estea no seu poder”, polo que, axilizando este proceso, se podería mellorar a tramitación e evitar os desprazamentos e os inconvenientes para as persoas con discapacidade e as súas familias. Tras a recomendación emitida pola valedora, as consellerías de Política Social e Sanidade comunicaron que están a desenvolver un sistema informático que facilite a comunicación efectiva entre os facultativos do SERGAS e dos servizos de valoración de discapacidade, contando coa autorización previa das persoas interesadas. Este sistema conta coa colaboración da Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
The comments are closed.