A institución do Valedor do Pobo repite como defensoría máis transparente de España

23 Outubro, 2017 Institución, Novas, Transparencia

A valedora do pobo, Milagros Otero Parga, recolleu en La Nucía (Alicante) o título Líder da transparencia en España no encontro Opengov Leadership Summit 2017.

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2017. A valedora do pobo, Milagros Otero Parga, participou o pasado venres no cumio dos líderes de institucións máis transparentes de España celebrado en La Nucía (Alicante) onde recibiu un premio da organización Transparencia Pública polas súas boas prácticas na difusión da información pública. Por segundo ano consecutivo, a institución do Valedor do Pobo obtivo o recoñecemento da Asociación Transparencia Pública á defensoría máis transparente de España segundo o ranking Dyntra (Dynamic Transparency Index). A valedora do pobo, Milagros Otero,  foi a encargada de recibir o premio en nome da institución, que foi galardoada por cumprir coa maioría dos indicadores avaliados por esta entidade.

A entrega do galardón tivo lugar na clausura do Opengov Leadership Summit 2017 celebrado na localidade alicantina, onde a valedora do pobo interveu como relatora para expor as principais claves do seu compromiso en materia de transparencia.

No ranking Dyntra, o Valedor do Pobo ocupa por segundo ano consecutivo o primeiro lugar na clasificación de defensorías transparentes, seguida polo defensor andaluz e o Síndic de Greuges de Cataluña e o Diputado del Común de Canarias.

Os índices Dyntra da Asociación Transparencia Pública miden o acceso que as institucións poñen a dispor da cidadanía en materia de información sobre os seus titulares e altos cargos, os postos de confianza e libre designación, a organización e patrimonio, a planificación e organización, a comunicación pública, a información económica e orzamentaria, as contratacións de servizos e os datos abertos. En dúas destas áreas, en concreto en información económica e orzamentaria e en planificación e organización, a valedoría obtivo o 100% da puntuación.

O recoñecemento ven revalidar o firme compromiso que a institución do Valedor do Pobo mantén coas políticas de transparencia desde hai anos, que se reforzou coa entrada en vigor da lei galega de transparencia, que atribuíu á valedoría as funcións de Comisionado da Transparencia e lle adscribiu a Comisión da Transparencia, órgano de control presidido pola valedora do pobo encargado de vixiar a efectividade do dereito de acceso á información que teñen todas as persoas na nosa comunidade.

A institución recolle este galardón como acicate para seguir traballando na mellora dos contidos e o acceso á información pública da organización.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal