A institución do Valedor do Pobo recibe a certificación Dyntra á defensoría máis transparente de España

01 Febreiro, 2017 Institución, Novas, Transparencia

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2017. A institución do Valedor do Pobo recibiu hoxe o recoñecemento da Asociación Transparencia Pública á defensoría máis transparente de España segundo o ranking Dyntra (Dynamic Transparency Index). A valedora do pobo, Milagros Otero,  foi a encargada de recibir o premio en nome da institución, que foi galardoada por cumprir 42 dos 67 indicadores avaliados por esta entidade.

A entrega do galardón tivo lugar hoxe no Salón de Graos da Facultade de Dereito da Universidade de Santiago onde se celebrou a xornada “A transparencia pública na Comunidade Autónoma de Galicia” organizada pola Asociación Transparencia Pública, a Universidade de Santiago e Dyntra.

A valedora do pobo, Milagros Otero Parga,  participou como relatora nunha das mesas de traballo acerca dos retos da transparencia na sociedade, en concreto no eido municipal, na que tamén interviron os alcaldes de A Coruña, Pontevedra e Ourense e o presidente de Transparencia Pública.

Durante as xornadas se deu a coñecer o estudo “La Transparencia Pública en la Comunidad Autónoma de Galicia”, que evaluou a transparencia dos municipios con máis de 15.000 habitantes por medio de 147 indicadores. Xunto co galardón outorgado ao Valedor do Pobo como defensor máis transparente de España, concedéronse recoñecementos ademais ao Consello de Contas e aos concellos de A Coruña, Pontevedra e Ourense, como os máis transparentes da rexión.

No ranking Dyntra, o Valedor do Pobo ocupa o primeiro lugar na clasificación de defensorías, seguido polo defensor andaluz, o Diputado del Comín de Canarias e o Síndic de Greuges de Cataluña, que lideran a lista elaborada coas dez institucións do ombudsman existentes en España.

Desde hai máis de dous anos a institución do Valedor do Pobo mantén un firme compromiso coas políticas de transparencia, que se reforzou coa entrada en vigor da lei galega de transparencia, que atribuíu á valedoría as funcións de Comisionado da Transparencia e lle adscribiu a Comisión da Transparencia, órgano de control presidido pola valedora do pobo encargado de vixiar a efectividade do dereito de acceso á información que teñen todas as persoas na nosa comunidade. Este recoñecemento supón un acicate para seguir traballando nesta liña e mellorando os contidos e o acceso á información pública da institución.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal