A cidadanía pode acceder ás dependencias do Valedor do Pobo en horario de mañá e de tarde para depositar as súas doazóns.
Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2017. A institución do Valedor do Pobo convértese esta semana en punto de recolla de produtos para o Banco de Alimentos Rías Altas, BALRIAL. Desde hoxe mesmo, as dependencias da institución (Rúa do Hórreo 65) son punto de recolla de alimentos e produtos de hixiene para nenos e adultos. As persoas interesadas poden dirixirse á institución de 9 a 14 horas e de 16.30 a 19.00 horas para depositar as súas doazóns.
O Valedor do Pobo especializa a súa recolleita en produtos con grande demanda e máis difíciles de obter nas campañas de captación masiva. Seguindo indicacións do Banco de Alimentos, aínda que se recollen todos os alimentos non perecedoiros que desexen achegar as persoas, a institución quere facer fincapé nos alimentos propios destas festas, conservas e aceite. En canto a produtos de hixiene, hai escaseza de cueiros, principalmente para adultos e das tallas máis grandes (talla 3) para os meniños.
O recibidor da sede do Valedor do Pobo dispón xa de varias ducias de caixas onde empregados da oficina e calquer persoa pode depositar os seus produtos.
Coa iniciativa, o alto comisionado parlamentario súmase a campaña da gran recolleita que, por estas datas, organiza cada ano o Banco de Alimentos Rías Altas.
The comments are closed.