A institución do Valedor do Pobo contribúe á formación de profesionais en materia de transparencia

03 Outubro, 2016 Institución, Novas, Transparencia

A institución do Valedor do Pobo colaborará no desenvolvemento dun curso superior de especialización en transparencia, bo goberno e datos públicos. A valedora do pobo, Milagros Otero Parga, asinou hoxe un convenio co vicepresidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda; o presidente do Consello de Contas, Jose Antonio Redondo, e coa directora da Escola Galega de Administración Pública,  Sonia Rodríguez-Campos, para ofrecer formación específica en materia de transparencia aos empregados públicos.

 

A actividade formativa pretende abordar, entre outros eixos de traballo, aspectos relacionados coa normativa de aplicación en materia de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, e os mecanismos dos que dispoñen as diferentes administracións para implementar políticas de transparencia.

Durante a súa intervención a valedora do pobo incidiu no compromiso que esta institución está a exercer desde a Comisión da Transparencia que preside, un órgano colexiado que, aínda que leva pouco tempo traballando, tramita as reclamacións da cidadanía en relación co seu dereito de acceso á información pública.

O curso de especialización desenvolverase entre os meses de novembro e xaneiro, e repartirase entre sesións presenciais e en liña. Está aberto a persoal público e a profesionais que estean en posesión do título de doutor, licenciado, diplomado, graduado, arquitecto, enxeñeiro, arquitecto técnico e enxeñeiro técnico.

O curso contará cunha master class da valedora do pobo.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal