A entrada en vigor da lei galega de transparencia e bo goberno atribúe á actual valedora do pobo novas funcións de vixilancia e control do cumprimento, por parte das administracións de Galicia, dos principios de publicidade activa e do dereito da cidadanía de acceso á información pública.
Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2016. Hoxe entrou en vigor a Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno que, no seu capítulo V, regula os mecanismos de control necesarios para o cumprimento das obrigas de transparencia, e atribúe á institución do Valedor do Pobo novas responsabilidades nesta materia. A norma implica dobremente á institución do Valedor do Pobo ao atribuírlle as funcións propias do Comisionado de Transparencia e ao adscribirlle a denominada Comisión da Transparencia como órgano colexiado independente que resolverá as reclamacións relacionadas cos problemas de acceso á información pública.
Desde este momento, e como Comisionado de Transparencia, corresponderá á institución do Valedor do Pobo investigar posibles incumprimentos nos que poidan incorrer os poderes públicos no desenvolvemento das súas obrigas de publicidade activa de información pública, ben a iniciativa propia ou por denuncia da cidadanía.
A Comisión da Transparencia encargarase, pola súa banda, da tramitación das reclamacións cidadás que aludan a posibles vulneracións do dereito de acceso á información pública. As resolucións propostas polo Valedor do Pobo só poderán emitirse, neste caso, previa audiencia da Comisión. Esta nace como un órgano colexiado adscrito á valedoría e integrado pola súa titular e o seu adxunto, como presidenta e vicepresidente, respectivamente; e por catros vogais en nome da Dirección Xeral da Avaliación de Reforma Administrativa, o Consello de Contas, o Consello Consultivo e a Fegamp.
A valedora do pobo, Milagros Otero, contactou as últimas semanas con cada un dos representantes das institucións que comporán a Comisión, co obxecto de axilizar os nomeamentos para que este órgano quede constituído o antes posible. En canto as entidades resolvan as súas designacións polos pertinentes procedementos internos, celebrarase una primeira xuntanza constitutiva da Comisión da Transparencia. A criterio da valedora, cómpre abordar nestes primeiros encontros, cuestións relativas ao funcionamento do órgano tales como a periodicidade das xuntanzas, sedes ou suplencias de representantes. É intención da futura presidenta comezar a traballar desde o primeiro momento e deseñar, por medio deste órgano, mapas de procedemento, formularios de reclamación, unha identidade propia, espazo web, plans de actuación, etc.
Coa entrada en vigor da lei autonómica de transparencia, a valedora do pobo, Milagros Otero Parga, quere ofrecer toda á súa colaboración aos representantes públicos que deberán asumir novas obrigas, co esforzo que supón facelo. Desexa amosar un firme compromiso coa transparencia e a posta en funcionamento desta lei galega, que considera imprescindible para o exercicio dun goberno máis responsable e, ante todo, máis participativo.
Novas funcións en materia de supervisión das administracións públicas
Como institución Comisionada da Transparencia, a actual valedora do pobo asume desde xa mesmo as seguintes funcións:
- RESPONDER A CONSULTAS: dar resposta ás consultas que, con carácter facultativo, lle sexan formuladas polas administracións e institucións públicas afectadas pola lei.
- RECOMENDAR: adoptar recomendacións para o mellor cumprimento das obrigas legais en materia de transparencia e bo goberno, oída a Comisión da Transparencia.
- ASESORAR: asesorar en materia de transparencia do dereito de acceso á información pública e bo goberno.
- INFORMAR por medio dunha dobre vía: emitir informes previos sobre proxectos de lei ou de regulamentos en materia de transparencia e bo goberno (oída a Comisión da Transparencia) e incluír no informe ordinario anual do Valedor do Pobo ao Parlamento de Galicia unha epígrafe específica sobre a aplicación e cumprimento da lei galega de transparencia.
- VIXIAR O CUMPRIMENTO DAS OBRIGAS DE PUBLICIDADE ACTIVA: Efectuar, por iniciativa propia ou por mor de denuncia, requirimentos para a emenda dos incumprimentos que se poidan producir das obrigas establecidas en materia de publicidade activa previstas na lei.
- PUBLICITAR: o informe anual que o Valedor do Pobo presente no Parlamento de Galicia porase a dispor da cidadanía na web institucional e no portal autonómico de transparencia e goberno aberto.
A Comisión da Transparencia, pola súa banda, nace como órgano colexiado independente adscrito á institución do Valedor do pobo e coa seguinte función específica:
RESOLVER as reclamacións fronte ás resolucións de acceso á información pública.
Preguntas que se pode facer a cidadanía
Co novo marco normativo e, á espera da creación dos órganos pertinentes e os seus respectivos procedementos, dáse resposta a algunha das preguntas que pode facerse a cidadanía desde este momento.
Que facer no caso no que solicite información a algunha administración pública galega e esta:non contesta| contesta pero falta información |non se está conforme coa resposta?
Pode reclamar ante a Comisión da Transparencia
Que debo incluír na miña reclamación?
O seu escrito, que debe chegar asinado, debe incluír obrigatoriamente o seu nome completo, un correo electrónico ou dirección postal e unha breve explicación acerca do problema detectado no exercicio do seu dereito de acceso á información pública.
Nesta información deberá especificar as datas do ocorrido, o nome do organismo, ou unidade administrativa afectada e o lugar onde se produciron os feitos.
Pode achegar canta información documental considere relevante para poder tramitar a reclamación.
Onde reclamo?
A Comisión da Transparencia, pendente de constitución, habilitará todos os mecanismos pertinentes a este efecto. Como sistema transitorio pode dirixirse:
- De modo presencial á sede do Valedor do Pobo (Rúa do Hórreo 65, Santiago de Compostela)
- Pode remitir o escrito de reclamación a esa mesma dirección
- Entregalo nun rexistro público con destino á valedoría
- Enviala por correo electrónico a transparencia@valedordopobo.gal
Cando reclamo?
Ten un prazo dun mes desde o día da resolución por parte do organismo afectado.
Canto tarda a Comisión en resolver a reclamación?
Un prazo máximo de tres meses. Se non se realiza nese prazo, entenderase a reclamación como desestimada pola Comisión da Transparencia e só impugnable en vía contencioso-administrativa.
Que facer no caso no que detecte que algunha administración galega non está a cumprir coas súas obrigas de publicidade activa de transparencia?
Pode denuncialo ante o Valedor do Pobo que actúa como Comisionado da Transparencia, onde o expediente será tramitado polas canles habituais.
1.Por internet: por medio do formulario web dispoñible en www.valedordopobo.gal
Por correo electrónico dirixido a rexistro@valedordopobo.gal ou valedor@valedordopobo.gal
Por fax ao número: 981 572 335
Por carta dirixida a: Valedor do Pobo. Rúa do Hórreo 65. 15700 Santiago de Compostela
En persoa, sen cita, nese mesmo enderezo en horario de 9-14 e 16-19 horas.
Que información debo aportar?
O escrito deberá responder como mínimo as seguintes cuestións: contra que órgano da Administración da Comunidade Autónoma, concello, entidade ou empresa pública desexa presentar a súa queixa e cal é o motivo da mesma.
The comments are closed.