A exención da ABAU para os alumnos de Bacharelato da antiga LOE manterase tras a mediación da valedora

05 Xuño, 2018 Institución, Novas

A queixa de oficio aberta pola institución do Valedor do Pobo o 24 de maio levou á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e á  Comisión Interuniversitaria de Galicia a reconsiderar a instrución que obrigaba a estes alumnos a pasar as probas para acceder á universidade.

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2018. A valedora do pobo, Milagros Otero Parga, celebra que a Comisión Interuniversitaria de Galicia (CiuG) e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, decidisen cambiar o seu criterio e manter a exención da ABAU vixente en 2017 para alumnos que cursaron o seu Bacharelato polo plan de estudos da antiga Lei Orgánica de Educación (LOE) e non accederon á universidade.

O 7 de febreiro de 2018, a CiUG publicou unha nota informativa coa que trasladaba a este alumnado que mantiña o seu dereito de acceso á universidade sen necesidade de superar a nova selectividade. En contra desa previsión, o pasado 14 de maio, menos dun mes antes da celebración das probas, emitiu un anuncio urxente no que se indicaba o contrario: este alumnado, para acceder á universidade, tería que realizar e superar as probas da ABAU, tanto da fase obrigatoria como, no seu caso, da fase voluntaria. A situación de indefensión creada respecto deste alumnado fixo que a institución abrira o pasado 24 de maio unha investigación de oficio á que se sumaron varias queixas particulares nas últimas semanas promovidas por estudantes afectados.

A mediación da institución do Valedor do Pobo permitiu que os responsables retirasen esa obrigatoriedade que deixaba en moi mala situación a estes estudantes que, non só non dispuñan de tempo para prepararen unhas probas ás que non tiñan previsto acudir, senón que, en moitos casos, xa decidiran non se presentar ante esta situación de inseguridade xurídica na que se viron envoltos.

A mera intervención da institución, requirindo información sobre os feitos, permitiu que a administración educativa e a CiUG reverteran a situación. Así o fixeron saber hoxe por medio dun Aviso urxente para o alumnado afectado pola Transitoria asinado polo presidente da CiUG (publicado en www.ciug.gal) no que se recolle que “vista a problemática xerada pala interpretación relativa á aplicación da exención de ter que realizar as probas de Avaliación de Bacharelato para o Acceso á Universidade polo alumnado ao que facía referencia a Disposición Transitoria Única da Orde ECD/1941/2016, de 22 de decembro”, nunha reunión mantida entre representantes da Secretaría Xeral de Universidades, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia e os delegados na CiUG das tres universidades do SUG, “acórdase que a nota de acceso á Universidade conseguida no curso 2016- 2017 será válida para acceder aos estudos universitarios oficiais de Grao ofertados polas universidades públicas do Sistema Universitario de Galicia no curso 2018-2019.

A institución do Valedor do Pobo concluirá por tanto a queixa de oficio e as iniciativas rexistradas a instancia de parte sobre este asunto sen necesidade de facer recomendacións e á vista da solución acadada.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal