A EDUCACIÓN COMO GARANTÍA NUCLEAR FRONTE Á DISCRIMINACIÓN DA MULLER por José Julio Fernández Rodríguez, Universidade de Santiago de Compostela.

19 Maio, 2020 falamos de feminismo

Se reconstruímos un famoso aforismo medieval, poderiamos dicir que “a educación faravos libres”.

En efecto, unha educación de calidade, inclusiva e fortalecida democraticamente, permitirá á cidadanía ser consciente da relevancia da liberdade innata ao ser humano. Unha liberdade en sentido lato, na que se integran os dereitos fundamentais que recoñecen as constitucións democráticas. Ademais, esta educación de calidade asegurará que as persoas coñezan os instrumentos para defender tal liberdade e manifesten respecto polos dereitos de terceiros.

Así as cousas, non resulta esaxerado empregar un título como o que propuxemos neste artigo: a educación revélase como unha garantía nuclear fronte á discriminación. Unha discriminación, como é sabido, é unha “desigualación” inxustificada que aparece como especialmente grave ao atentar contra a dignidade. A etnia, o sexo ou o nacemento seguen ofrecéndonos rexeitables casos de discriminación, que ás veces, mesmo, se solapan. E a muller, nesta tesitura, segue padecendo os problemas dos déficits educacionais daqueles que persisten en discriminala.

Socioloxicamente falando, a educación de calidade servirá para superar en gran parte as situacións que discriminan á muller, e as consecuencias perniciosas que conlevan en distintos ámbitos. É máis: só coa educación se poderá  dar o salto que necesitamos na actualidade para superar a secuela da discriminación. Un par de exemplos serven para ilustrar a nosa posición.

Un primeiro exemplo sería a sorprendente capacidade de resistencia e reprodución do que poderiamos denominar machismo. Cunha educación correcta unha persoa non pode pensar que un home é superior a unha muller, senón simplemente que é diferente, cuns trazos e características distintas, aínda que cunha igualdade xurídica básica derivade da mesma dignidade. A idea de preponderancia ou prevalencia do home é un inxustificado constructo cultural que se pode eliminar con educación de calidade.

Outro exemplo poden ser as ausencias de denuncias ou os erros en tales denuncias. Aquí percíbese unha falta de compromiso cidadán pola mellora do sistema de protección e, mesmo, unha baixa ética pública. É certo que pode haber razoables circunstancias sociolóxicas de presión que desactivan a resposta da agredida. Pero coa debida formación poderá afrontar tales presións e superar os obstáculos que supoñen.

E que é a educación de calidade da que estamos a falar? É unha educación que logra transmitir eficazmente os contidos e que desenvolve con éxito o proceso de ensino-aprendizaxe. E no que agora nos interesa, é tamén unha educación que parte dos valores constitucionais, que funcionan como o marco delimitador de todo o proceso. Esta educación de calidade, con estratexias horizontais e verticais, debe inserirse no Estado Social para chegar a todas as persoas con independencia da súa condición. É máis, debería servir para instrumentar estratexias específicas en casos que poderían resultar problemáticos (inmigración, outros modelos de familia, minorías étnicas…). Trátase, por tanto, de buscar unha educación inclusiva e integradora, solidaria, accesible, con orzamento suficiente, apoiada na tecnoloxía e eficaz. Unha educación que non limite ás persoas polo seu xénero ou sexo, e que fuxa de roles estereotipados que marcan trazos sexistas. Para todo iso débese actuar tanto no contido educativo dos programas como no material empregado e a actitude do profesorado.

Así é, a implementación destas cuestións require de profesorado debidamente formado, o que non sempre sucede. Requírese por tanto elementos específicos para formar ao profesorado en compromiso constitucional e fortalecemento democrático.

Por tanto, a educación de calidade non é obviamente neutral, senón que,  como dixemos, posúe elementos axiolóxicos que se conectan cos valores e principios constitucionais, entre os que brilla o comentado de igualdade e non discriminación. Ademais, aínda que se centre nos ensinos regrados (sobre todo no ensino básico) debe operar no conxunto da sociedade, tamén en actividades formativas non regradas para persoas de diferentes idades.

De todos os xeitos, hai algo que non estamos a facer todo o ben que deberiamos. Sabemos grosso modo o que debe ser a educación de calidade, e a necesidade de formar cidadanía comprometida e profesorado con capacidade para impartir tal formación. Con todo, a realidade e as estatísticas móstrannos a persistencia de discriminacións contra a muller. Entón, parece claro que existen deficiencias no sistema educativo, que impiden a erradicación desta problemática, ou, polo menos, reducila a unha pequena dimensión. Quizá os cambios na lexislación educativa ao longo do actual período democrático fixesen un fraco favor á consolidación de niveis máis altos na calidade educativa. Esperemos que no futuro próximo os responsables públicos actúen con máis tino, e non só con ínfulas partidistas, lexítimas, pero ás veces afastadas do rigor técnico que esixe algo tan vital como a educación das persoas.

 

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal