A DISCRIMINACIÓN DAS MULLERES MAIORES, por Jaime Pereiro Cabeza, Universidade de Vigo

15 Outubro, 2019 falamos de feminismo

 

A discriminación inter-seccional xa foi hai anos identificada desde o pensamento feminista, en particular a partir dos traballos académicos de K. Crenshaw. Ela tentou analizar a especial situación opresiva que sufrían as mulleres afro-americanas e explicar que non se podía entender desde a aillada consideración da súa condición de mulleres ou da súa raza afroamericana. Máis ben, esa combinación producía unha identidade complexa que as ubicaba nunha posición peculiar e diferenciada. É dicir, sexo e raza non eran elementos simplemente sumatorios, senón que interactuaban un co outro conformando identidades complexas.

Moito menos se ten discutido do binomio sexo-idade, pero a súa potencialidade é así mesmo grande. O Tribunal de Xustiza dea Unión Europea é moi refractario a aceptar o propio concepto de discriminación inter-seccional, como tamén o é o Tribunal Supremo Federal de USA. Pero outros órganos, como o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, adoptan unha perspectiva máis aberta e mesmo recoñecen explícitamente a especial discriminación que padecen as mulleres de idade en sentenzas como a Carvalho Pinto de Sousa Morais do 2017.

A discriminación da que son vítimas as persoas maiores foi descrita xa en numerosos estudos académicos. O ageism, como prexuízo de idade, funciona con moita efectividade nunha sociedade inzada de estereotipos negativos contra elas. O envellecemento tense que agachar porque a xuventude é o canon de beleza, de vigor e de innovación. A vellez aseméllase á obsolescencia, á enfermidade e á dexeneración. Por iso, hai un culto á dita xuventude como arquetipo de apariencia externa, de vida e de comportamiento, ata o punto de que a vellez non existe. As persoas maiores tense que comportar, teñen que vivir e teñen que consumir como se foran novas, porque doutro xeito non serían tidas en conta.

Estos perxuízos aféctanlles particularmente ás mulleres maiores. Elas teñen unha presión aínda maior da que teñen os homes na busca da apariencia xuvenil. De feito, para os homes a idade madura pode ir acompañada de certas virtudes que se lles atribúen como convencionalismos sociais: experiencia, fiabilidade, responsabilidade, liderado…Os sinais externos do paso dos anos non teñen que ser necesariamente ocultados no caso deles pero si que hai unha moi forte presión social para que elas loiten contra estas evidencias físicas. Sen dúbida, a apariencia externa é moito máis esixente para as mulleres, desde uns convencionalismos fortemente sexualizados.

Por iso, é doado expresar que as mulleres maiores son vítimas dunha discriminación de estereotipo que non se explica en toda a súa extensión se se lles considera en exclusiva desde a perspectiva do seu sexo, ou desde o punto de vista da súa idade. Esta discriminación produce moitas consecuencias evidentes, pero que teñen como denominador común a invisibilidade delas e a súa menor participación na sociedade civil.

Se a diagnose é clara, igualmente é doado dicir que cómpre enfrontar os estereotipos de sexo-idade. A dificultade estriba en que ambos motivos deben ser considerados desde unha dobre perspectiva: ás veces téndoos explícitamente en consideración, outras negando de xeito expreso a súa posible incidencia.

A perspectiva do mercado de traballo é ilustrativa. As mulleres nunca teñen a idade ideal. Seica son demasiado novas, e por iso inseguras e inexpertas. Curiosamente, a idade as perxudica nos seus extremos moito máis do que lles perxudica aos homes. Quizáis sexan nais, o simplemente o vaian ser –ou o poidan ser- e por iso non están todo o dispoñibles que deberían estar. Logo terán que coidar dos fillos e fillas a atender á súa crianza, e máis tarde ser responsables dos seus maiores. Ao final, se considerarán maiores, con competencias obsoletas e pouco aptas para o traballo en equipo.

Neste contexto, son vítimas do acoso por idade en maior medida do que o son os seus compañeiros varóns. Os comentarios despectivos das súas capacidades ou da súa apariencia, ou, en particular, da súa profesionalidade, poden abondar en organizacións produtivas nas que, probablemente, a conciencia destos problemas aínda non sexa óptima. Se nos valores que se predican como centrais na empresa se inclúen a innovación, a flexibilidade ou a asunción de riscos, probablemente as mulleres maiores non encaixen ben, porque os prexuízos sociais non lles conceden estas virtudes, e estean en maior risco de seren discriminadas.

Non é casual que a súa presenza no mercado de traballo formal diminúa ao final da súa vida activa con máis intensidade e anticipación do que sucede no caso dos homes. As explicacións deste abandonamento prematuro non son doadas de identificar en termos obxectivos. Precisamente sucede a unha idade na que os papeis sociais esperados de mulleres e homes, aínda que non converxan totalmente, achéganse máis que cando uns e outras son máis xóvenes. Hainas que buscar, con toda seguridade, nesta invisibilidade e existencia silente das persoas maiores, máis invisibles e silenciadas se son do sexo feminino.

Está por facer no noso país un estudo empírico relativo a como os procesos de regulación de emprego, sexan despedimentos colectivos ou obxectivos, afectan en particular a este segmento de mulleres definidas pola idade. A hipótese previa é que as súas transicións á xubilación deben ser máis complexas ao teren sido máis irregulares as súas carreiras laborais. Porén, non da a impresión de que manteñan o emprego nestas circunstancias en maior percentaxe que os seus compañeiros varóns. Así mesmo, os seus procesos de recolocación –ouplacement- terán que superar todas as barreiras que se refieren aos ditos estereotipos, fortemente condicionantes cando se trata de recomezar unha carreira profesional nas condicións das mulleres de certa idade.

E finalmente, aínda que non menos importante, a pobreza como fenómeno social está moi xunguida á condición feminina. As mulleres maiores constitúen un dos grupos sociais con maior exposición á pobreza e máis dependencia das prestacións sociais de tipo asistencial. De novo, a súa invisibilidade, no contexto dunha sociedade que sempre lle volveu as costas, produce consecuencuias moi desfavorables. A súa maior permanencia nos traballos informais, no labor de coidado e nas actividades de menor recoñecemento social, constitúe unha panca moi efectiva para que pobreza, xénero e idade constitúan os vértices dun triángulo ao que case sempre non se lle presta a atención que se lle debería prestar.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal