A CIUG acepta a exención de taxas académicas a persoas con discapacidade que foi recomendada pola valedora

09 Novembro, 2015 Discapacidade, Novas

Tan só dous días despois de darlle publicidade, a Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG) aceptou a recomendación que lle dirixiu a valedora do pobo para eximir do pago de taxas académicas ao alumnado con diversidade funcional. A valedora, Milagros Otero Parga, dirixira unha recomendación ao órgano que representa ás tres universidades galegas para solicitar o cumprimento das exencións de pago de prezos universitarios para discapacitados, en concreto os que fan referencia á matrícula as probas de acceso á universidade. Estas exencións, previstas na normativa, afectan ademais a vítimas de terrorismo ou violencia de xénero.

A recomendación chegou despois de coñecer, por medio dunha queixa, o caso dun alumno  con discapacidade recoñecida dun 37%, ao que se lle negou a exención da matrícula ordinaria para realizar as probas e tivo que asumir o prezo normal superior a 60 euros. Por medio da súa investigación, a valedora puido saber que na actualidade a CIUG, non soamente non estaba a asumir as exencións relativas as persoas con diversidade funcional ou discapacidade oficialmente recoñecida, senón que tampouco atendía as de persoas vítimas de violencia de xénero ou de terrorismo, a pesar de que están previstas na normativa aplicable.

En tempo récord, dous días despois de darlle publicidade á recomendación,  a Comisión Interuniversitaria aceptou corrixir o criterio respecto da non aplicación das exencións previstas para os prezos públicos correspondentes as probas de acceso á universidade e que benefician as persoas con diversidade funcional ou vítimas de violencia de xénero ou terrorismo, así como a revisar o cobro indebido do prezo que tivo que abonar a persoa reclamante.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal