Este ano fará xa 35 desde que a Rede Mundial de Mulleres polos dereitos sexuais e reprodutivos puxo o acento sobre as enfermidades que afectan as mulleres no mundo. Pasou tempo abondo como para este asunto ocupase un lugar preeminente na axenda das cuestións sociais e os dereitos das cidadás. Con todo, segue sen merecer a atención que algo que afecta a máis da metade da humanidade faría esperar.
Obviamente, as condicións da poboación feminina varían segundo os contextos pero hai unanimidade en considerar como un dereito a posibilidade de vivir con saúde para unha correcta calidade de vida. Porén, na práctica da medicina detéctanse estereotipos consolidados que determinan a casuística das enfermidades en función de falsos mitos, prexuízos, esquecementos ou desaparición das mulleres e as súas especificidades.
Para a Organización Mundial da Saúde, no caso das mulleres e as nenas a súa saúde vén influenciada pola bioloxía, relacionada co sexo e outros determinantes sociais e, aínda que a lonxevidade é maior nas mulleres ca nos homes, cada vez son máis importantes indicadores que rompen ideas preconcibidas como a incidencia das patoloxías cardíacas, tradicionalmente achacadas en maior medida aos varóns cando xa está confirmado que son unha das tres principais causas de morte nas mulleres, xunto co cancro e as enfermidades cerebrovasculares.
A progresiva incorporación das mulleres ao mercado laboral fai reparar, tamén, na necesidade de avanzarmos normativamente na igualdade da prevención de riscos laborais e a cualificación das enfermidades profesionais que necesitan adaptarse a un mercado de traballo de características moi diferentes, con condicións, riscos e patoloxías novas e emerxentes nas que hai cada vez máis unha maior presenza feminina.
Gozar dunha saúde perfecta é a condición que todo ser humano necesita para ter un rol participativo dentro da sociedade, sen impedimentos físicos limitantes da súa calidade de vida. Neste sentido, compartimos a declaración da Organización Mundial da Saúde cando afirma que “as mulleres e as nenas deben estar protexidas xa que representan á poboación máis vulnerable no que á saúde se refire e polo tanto as súas necesidades deben ser prioritarias en calquera país do mundo”.
The comments are closed.