28 DE MAIO, DIA INTERNACIONAL DA ACCIÓN POLA SAÚDE DAS MULLERES O DEREITO FUNDAMENTAL A UNHA SAÚDE INCLUSIVA

27 Maio, 2021 actualidade, Novas, Novas

 A satisfacción do dereito á saúde das persoas polos poderes públicos é un alicerce esencial do Estado de benestar e nesta época de pandemia intensifícase ese papel central da saúde nas políticas públicas. Mais o dereito á saúde das persoas non se concreta de maneira uniforme, senón que obriga a considerar as diferenzas biolóxicas e sociais entre as mulleres e os homes nas políticas de saúde e na súa execución. Aplicar mimeticamente ás mulleres os diagnósticos e tratamentos ensaiados só en homes, ou os protocolos médicos deseñados para homes, é incumprir o dereito á saúde da metade da poboación.

 

O dereito á saúde é un dereito humano, recoñecido por Nacións Unidas e pola Organización Mundial da Saúde que  establece que “o goce do grao máximo de saúde que se poida lograr é un dos dereitos fundamentais de todo ser humano sen distinción de raza, relixión, ideoloxía política ou condición económica ou social”. Pero a evidencia demostrada é que hai unha morbilidade feminina diferencial no conxunto de enfermidades, motivos de consulta ou factores de risco, que afectan, exclusivamente, ás mulleres. Tamén nos lembran os organismos internacionais multilaterais que, na sociedade actual, as mulleres e as nenas deben estar protexidas pois representan á poboación máis vulnerable no que á saúde se refire e, xa que logo, as súas necesidades deben ser prioritarias en calquera país do mundo.

 

O 28 de maio, como Día internacional de acción para a saúde das mulleres, é un momento oportuno para reivindicar o dereito das mulleres á súa saúde, en particular cando a pandemia corroborou a necesidade de tomar en consideración as diferenzas biolóxicas e sociais entre mulleres e homes. Patoloxías como a fibromialxia, a dor e a fatiga crónica, ou a essure xinecolóxica, deben deixar de pertencer ao que se coñecen como enfermidades “incomprendidas” ou “invisibles”, mesmo cando estes diagnósticos se dean, nun 90%, ou nalgún caso nun 100%, en mulleres, co que iso implica de nesgo discriminatorio na súa investigación e tratamento. Esta invisibilidade normativa vese no caso da fibromialxia que, malia estar considerada pola OMS como enfermidade dende 1992, non está incluída expresamente no baremo do Real Decreto do ano 1999 para o recoñecemento, declaración e cualificación do grado de minusvalía.

 

Fagamos desta conmemoración universal unha boa ocasión para crear conciencia sobre a necesidade de introducir a perspectiva de xénero neste campo a fin de recoñecer, facer visibles e estudar as diferenzas biolóxicas e sociais, coñecer como se relacionan entre si, comprender como a construción social do xénero afecta á saúde, introducir ás mulleres na gobernanza da saúde e capacitar ao persoal sanitario en materia de igualdade e non discriminación por razón de xénero.

 

 

 

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal