A Valedora do Pobo iniciou unha investigación de oficio ao ter coñecemento de que o servizo provincial en Pontevedra da Demarcación de Costas, pertencente ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico rexeitou, por estaren redactado en gal

08 Outubro, 2021 actualidade, Novas, Novas

A Valedora do Pobo iniciou unha investigación de oficio ao ter coñecemento de que o servizo provincial en Pontevedra da Demarcación de Costas, pertencente ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico rexeitou, por estaren redactado en galego, un informe do municipio pontevedrés de Cambados sobre o porto de San Tomé e  Tragove, amparándose no artigo 15 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, relativo a que «a lingua dos procedementos tramitados pola Administración Xeral do Estado será o castelán».

Con todo, ese mesmo precepto indica que os interesados que se dirixan aos órganos da Administración Xeral do Estado con sede no territorio dunha Comunidade Autónoma poderán utilizar tamén a lingua que sexa cooficial nela. Neste caso, o procedemento tramitarase na lingua elixida polo interesado. Nos procedementos tramitados polas Administracións das Comunidades Autónomas e das Entidades Locais, o uso da lingua axustarase ao previsto na lexislación autonómica correspondente.

Prevé a lei que a Administración Pública instrutora deberá traducir ao castelán os documentos, expedientes ou partes dos mesmos que deban producir efecto fóra do territorio da Comunidade Autónoma e os documentos dirixidos aos interesados que así o soliciten expresamente. Se debesen producir efectos no territorio dunha Comunidade Autónoma onde sexa cooficial esa mesma lingua distinta do castelán, non será precisa a súa tradución.

Dáse a circunstancia de que só unha pequena parte da documentación estaba en galego e o resto estaba redactado en castelán.

En consideración a que dita queixa refírese a actuacións do Ministerio para a Transición Ecolóxica, pertencente á Administración Xeral do Estado, remítese ao Defensor del Pueblo para que, no seu caso, leve a cabo a súa tramitación.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal