1 de Outubro: Día Internacional das persoas de idade. Ponencia da valedora do Pobo, Dolores Fernández Galiño: DEREITOS DAS PERSOAS MAIORES E A SÚA SAÚDE NO ESCENARIO DA PANDEMIA. ENVELLECEMENTO SAUDABLE

01 Outubro, 2021 actualidade, Novas, Novas

Ponencia da valedora do Pobo, Dolores Fernández Galiño, no XXIX Congreso Derecho y Salud.

No decurso da Historia a vellez veuse, e se segue a ver, dun xeito negativo como a peor etapa da vida, con denominacións na súa maioría despectivas para as persoas en idade avanzada (decrépito, chocho, vellestorio, vetusto, carcamal, carroza). A vellez asóciase coa perda das facultades físicas e mentais da persoa, coa perda do desfrute dos praceres da vida e coa antesala da morte. Todo isto (agás a inevitabilidade da morte, mais non os prexuízos sobre como afrontala) é un conxunto de prexuízos en contra das persoas de maior idade que se coñece como idadismo, neoloxismo que xurde dunha tradución algo forzada do inglés ageism.

 

Malia eses prexuízos idadistas, ou se cadra, como consecuencia deles, a conciencia social non considerou tradicionalmente a idade como unha causa de discriminación. O aspecto máis salientable da idade, a diferencia doutras causas de discriminación que sitúan, indefectiblemente, ás persoas no grupo discriminado ou desfavorecido é que se acadamos todas as etapas da vida, todas as persoas estaremos, con independencia da nosa vontade e polo mesmo transcurso do tempo, no grupo discriminado -pola nosa xuventude, madureza ou ancianidade- e no favorecido -as persoas adultas-, e todo isto levou a considerar unha sorte de suma cero e a asumir os prexuízos socioculturais asociados a certas idades coma normais, coa conseguinte invisibilidade das situacións conseguintes.

 

Repercutiu esa falla de visibilidade social noutra xurídica pois que a idade non se veu recoñecida como causa de discriminación até hai moi pouco. Daquela, a discriminación por idade foi cualificada como discriminación de nova xeración.

 

A discriminación por idade non aparece contemplada explicitamente como unha das causas de discriminación prohibidas nas cláusulas anti discriminatorias dos textos máis clásicos sobre dereitos humanos: na Declaración Universal de Dereitos Humanos, de 1948, o seu artigo 2 non a menciona; no Convenio Europeo de Dereitos Humanos, de 1950, o seu artigo 14 tampouco a menciona. Estamos perante as dúas cláusulas anti discriminatorias máis emblemáticas das dúas ordes internacionais de dereitos humanos en que se integra España: Nacións Unidas e Consello de Europa. De certo, ambas as cláusulas redáctanse en termos abertos que permiten incluír outras alén das explicitamente contempladas, co que a idade pode incorporarse doadamente, mais a ausencia delata a falla de conciencia sobre a súa consideración como causante de discriminación.

 

Na serodia data de 1967, o pioneiro recoñecemento legal da discriminación por idade atópase, como en tantas ocasións en materia de discriminación, nos Estados Unidos de América, na Age Discrimination in Employment Act de 1967, mesmo que se limita á protección para o emprego e a relación laboral.

 

Non hai un convenio universal sobre a materia, como si existe para outras causas de discriminación como a raza, o sexo ou a discapacidade. Si hai, porén, varios instrumentos programáticos emanados de Nacións Unidas e da Organización Internacional do Traballo. Deles, o máis destacado é o titulado Principios das Nacións Unidas en prol das persoas de idade, adoptados pola Asemblea Xeral das NU en 1991.

 

Estes Principios, estrutúranse nos seguintes cinco grandes epígrafes:

 

  1. As persoas de idade deberán ter acceso a alimentación, auga, vivenda, vestimenta e atención de saúde axeitados. Ter a oportunidade de traballar ou acceso a outra posibilidade de ingresos. Decidir sobre o seu retiro do traballo. Acceso aos programas educativos e formativos axeitados. Ter a posibilidade de vivir en contornas seguras e adaptables. Poder residir no seu propio domicilio tanto tempo como sexa posible.

 

  1. Participación. As persoas de idade deberán permanecer integradas na sociedade. Participar activamente nas políticas que afecten directamente ao seu benestar. Poder aproveitar oportunidades de prestar servizo á comunidade e traballar como voluntarios. Poder formar asociacións de persoas de idade.

 

  1. As persoas de idade deberán ter acceso a servizos de atención á saúde, a servizos sociais e xurídicos. Poder desfrutar dos seus dereitos humanos e liberdades fundamentais cando residan en fogares ou institucións onde se lles brinden coidados ou tratamentos, con pleno respecto da súa dignidade, crenzas, necesidades de intimidade, así coma do seu dereito a adoptar decisións sobre o seu coidado e calidade de vida.

 

  1. Auto realización. As persoas maiores deberán ter acceso a recursos educativos, culturais, espirituais e recreativos.

 

  1. As persoas de idade deberán poder vivir con dignidade e seguridade, e verse libres de explotación e maltrato físicos ou mentais. Recibir un trato digno, independentemente da idade, sexo, raza ou procedencia étnica, discapacidade ou outras condicións, e deben ser valoradas consonte á dignidade debida.

 

Estes Principios considéranse o xermolo dun posterior convenio universal na materia da mesma maneira que aconteceu coa raza ou o sexo, onde os convenios universais a respecto destas discriminacións, foron precedidos anos antes por textos non vinculantes. Mais o convenio universal sobre a discriminación das persoas maiores aínda non foi aprobado, 30 anos despois.

 

Con todo, os Principios de Nacións Unidas a prol das persoas de idade serviron de inspiración ás lexislacións internas de varios países, e tamén a textos de dereitos humanos de ámbito rexional como a Convención Interamericana sobre a protección dos dereitos humanos das persoas maiores, de 2015.

 

Nesta mesma liña, a Carta Social Europea revisada (1996), ratificada hai pouco por España, establece coma un dos obxectivos a que se obrigan os estados parte, o de que “toda persoa de idade avanzada ten dereito a protección social”. Para garantir o exercicio efectivo deste dereito das persoas de idade avanzada, os Estados parte comprométense a adoptar ou promover, directamente ou en cooperación con organizacións públicas ou privadas, medidas apropiadas orientadas, en particular:

 

  • A permitir que segan a ser membros plenos da sociedade durante o maior tempo posible, mediante: a) recursos suficientes que lles permitan levar unha vida digna e participar activamente na vida pública, social e cultural. b) A difusión sobre servizos e facilidades ao seu dispor.

 

  • A permitir ás persoas de idade avanzada que elixan libremente o seu estilo de vida e levar unha existencia independente na súa contorna habitual mentres o desexen e poidan facelo, mediante: a) a dispoñibilidade de vivendas adaptadas ou de axudas axeitadas para a adaptación da súa vivenda, e b) a asistencia sanitaria e os servizos que requira o seu estado.

 

  • A garantir ás persoas que vivan en centros, a asistencia apropiada, respectando a súa vida privada e a participación nas decisións que afecten ás súas condicións de vida no centro.

 

A Unión Europea ocupouse tamén da discriminación por idade ao aprobar un auténtico texto de dereitos humanos onde se recolle a idade como causa de discriminación prohibida no ámbito do emprego e a ocupación: a Directiva 2000/78/CD relativa ao establecemento dun marco xeneral para a igualdade de trato no emprego e a ocupación. Á súa vez, a idade é unha das causas de discriminación prohibidas no artigo 21 da Carta de Dereitos Fundamentais da Unión Europea.

 

Inflúe directamente a novidade da categoría da discriminación por idade na dificultade de delimitar onde remata a igualdade e comeza a discriminación por razón de idade, así como na dificultade de identificar os prexuízos socioculturais asociados á idade. Así é que -por exemplo- están abertas polémicas sobre cando unha persoa se pode considerar madura ou maior, sobre o alcance das políticas de envellecemento activo, ou sobre a lexitimidade das xubilacións forzosas. Sendo polémicas con reflexo nas normas xurídicas e nas interpretacións xudiciais, determinando que a tutela non sexa equiparable á doutras causas de discriminación. Por todo elo, a discriminación por idade cualificouse como a causa de discriminación máis degradada por mor das súas excepcións a aplicar, ou a irmá pobre de todas as causas de discriminación, e a que recibe, xa que logo, unha menor protección.

 

Simultaneamente a esa eclosión da tutela fronte á discriminación por idade e a conseguinte protección dos dereitos humanos das persoas maiores, a poboación mundial está a se avellentar, o que se constata, especialmente, no Vello Continente dada a diminución da natalidade e o alongamento da esperanza de vida (fenómenos moi acusados en España e Galicia). Atopámonos perante un fenómeno demográfico que fai presión, a eito, sobre os sistemas públicos de protección social, e, en particular, sobre as pensións de vellez e o enteiro sistema de seguridade social, sobre os sistemas nacionais de saúde e sobre o sistema socio sanitario de coidados. Considerando este escenario, a lonxevidade das persoas, que é un dos meirandes trunfos da humanidade, é tamén un dos meirandes desafíos.

 

Todas estas dificultades cobraron un grande protagonismo no contexto da pandemia Covid-19, pois que o virus azoutou ás persoas maiores cunhas taxas de falecementos moi por riba das de persoas de menos idade. Mais, mesmo no caso de superaren a enfermidade, e mesmo de non a padeceren, o confinamento na casa, sen posibilidade de saír máis ca a asuntos imprescindibles e/ou por tempo limitado, ou o dobre confinamento das persoas en residencias, desconectadas do exterior no seu cuarto sen gozaren das zonas comúns, ten moitas consecuencias negativas: problemas de sono, insomnio e somnolencia diúrna debido á redución da actividade física; aumento do deterioro cognitivo por deixar de realizar actividades de estimulación cognitiva e por falla de contacto coa rede social; afectación do estado emocional e anímico, cun aumento da sintomatoloxía depresiva. A soidade aumenta o sedentarismo, a enfermidade cardiovascular, a alimentación inadecuada e o risco de morte, e tamén pode afectar á cantidade e a calidade do sono. Estar xunto ás persoas queridas en situacións de dor, ao ingreso en unidades de coidados intensivos na etapa final da vida, ou situacións de dó, volveuse difícil ou imposible polas restricións sanitarias.

 

Ao propio tempo, a pandemia puxo a proba en circunstancias moi extremas, os sistemas públicos e privados, dirixidos ao coidado socio sanitario das persoas maiores. As residencias de persoas maiores, como servizo de carácter social, por si soas nin podían nin debían facer fronte ás esixencias dunha pandemia.

 

Neste escenario de pandemia, o incremento de condutas idadistas xa foi detectado en estudos e denunciado por institucións públicas e privadas, e así acontece que entre as condutas idadistas máis rechamantes, destacaron as seguintes:

 

  • a imposición de inicio sobre as persoas de maiores restricións que non se impuñan a outras franxas de idade, tratando ás persoas maiores coma se fosen un colectivo completamente homoxéneo e obviando os estados individualizados de saúde;

 

  • a situación vivida nas residencias de persoas maiores e o rexeitamento aos seus moradores, incluíndo ás persoas coidadoras, tratándoos coma suxeitos transmisores da doenza e, nalgúns casos, coma ocupantes de prazas hospitalarias necesitadas para outras persoas máis novas;

 

  • os medios de comunicación incorreron, en ocasións, en prexuízos idadistas: trátase con detalle o pasamento, o contaxio ou as secuelas das persoas máis novas, mentres que as mortes das persoas maiores semella que só merecen engrosar as estatísticas; ofrécese unha imaxe homoxénea das persoas maiores dominada por estereotipos tradicionais centrados na vulnerabilidade, a perda e falla de atención familiar ou social; unha representación na que aparecen coma obxectos pasivos de coidados, ensombrecendo outras representacións alternativas que poderían subliñar elementos máis proactivos, nos que as persoas maiores son axentes de cambio, superan a enfermidade en idade avanzada e se desenvolven coma cidadáns de plenos dereitos;

 

  • a utilización impropia da linguaxe no discurso público, referíndose ás veces a “os nosos avós” cando nin son nosos nin todas as persoas maiores son avós, ou mesmo utilizando expresións aínda máis cuestionables coma “os vellos”;

 

  • a escasa presenza de maiores na discusión do problema e no deseño de medidas para o combate, tanto a nivel de políticas máis xerais, coma no día a día, pois en ocasións fallou información ao interesado e a súa contorna sobre a evolución do proceso, o prognóstico e as eventuais expectativas de recuperación; o chanzo seguinte, tamén amplamente denunciado, foron os numerosos dramas vividos no circo familiar e social, como mortes en soidade ou dós imposibles;

 

  • a non consideración da fenda dixital que padecen en particular as persoas maiores á hora de deseñar medidas sanitarias, trámites burocráticos, limitacións de mobilidade, ou en xeral, medidas de acción administrativas, sen establecer ao efecto medidas de apoio para superar a fenda dixital, asesoramento persoal, actuación por representación ou facilidade para facer trámites.

 

  • a mínima presencia de persoas maiores en ensaios clínicos e en proxectos de investigación médica malia que moitas medicacións se pautan, decote, a persoas maiores.

 

  • a auto valoración negativa do propio colectivo, consecuencia do anterior, que pode promover estrés, angustia e ansiedade nas persoas maiores ao teimar na súa vulnerabilidade, a súa prescindibilidade, e inutilidade desde unha perspectiva colectiva.

 

As condutas idadistas adquiren connotacións diferenciais se as examinamos desde a perspectiva de xénero, constituíndo situacións de discriminación múltiple xénero/idade, e ás veces, algunha outra causa adicional como a situación socio económica precaria, ou a discapacidade. Dada a súa máis elevada esperanza de vida, as mulleres son maioría entre as persoa maiores, co que calquera prexuízo contra as persoas maiores afectará moi especialmente ás mulleres maiores; e a súa posición adoita ser máis vulnerable ca dos homes maiores a consecuencia das situacións de discriminación no emprego, de aí que o seu acceso á seguridade social é máis feble ca o dos homes, a miúdo, a través de pensións de viuvez de escasa contía ou de prestacións sociais de carácter non contributivo.

 

Non é de estrañar que o Comité CEDAW elaborase unha Recomendación Xeral, a 27 (2020), a respecto das mulleres de idade e a protección dos seus dereitos.

 

Se aos datos contrastados de que hai moitas máis mulleres maiores que homes maiores, e de que a situación daquelas é máis vulnerable ca destes, lle engadimos a circunstancia de que son mulleres a meirande parte das persoas en residencias, compréndese doadamente que a situación de desigualdade das mulleres maiores aumentou coa pandemia. En particular, chamouse a atención sobre a situación das mulleres maiores con discapacidade, nunha situación de tripla discriminación.

 

Non só a perspectiva de xénero serve para identificarmos situacións de discriminación múltiple nas persoas maiores. Tamén permite facer visible que a meirande parte das persoas dedicadas aos coidados son mulleres: persoal sanitario, persoal socio sanitario, persoal de axuda no fogar, coidadoras informais… A situación das persoas dedicadas ao coidado incide no benestar das persoas maiores as que coidan e, neste punto, é preciso reiterarmos o chamamento aos poderes públicos para a mellora das condición de emprego e laborais.

 

Os estereotipos son a porta de entrada na estigmatización, ao etiquetado e á conducta discriminatoria a respecto das persoas maiores. Perante as conductas idadistas, debemos volver a vista ao enfoque de dereitos humanos que se atopa nos alicerces dos Principios das Nacións Unidas a prol das persoas de idade, que foron adoptados pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas en 1991. Todas as persoas maiores deben ser tratadas co respecto e dignidade inherente ao ser humano, É asunto de todos apoialas e protexelas. As persoas maiores, mulleres e homes, teñen o dereito a un envellecemento saudable, con independencia, autonomía, auto realización e merecente de coidados. Non podemos deixar a ninguén atrás.

A OMS vén de declarar  o decenio 2020-2030 como o decenio do envellecemento saudable, entendendo por tal o proceso de fomentar e manter a capacidade funcional que permite o benestar na vellez; poder gozar dos niveis de capacidade física e mental adecuados  e de ambientes que faciliten o desenvolvemento de actividades que valoren.

 

 

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal