Posts in Casos resoltos

Q/19383/18: Persoas autorizadas polos pacientes poderán realizar trámites no seu nome na plataforma e-Saúde

Xullo 18th, 2019 Posted by Casos resoltos No Comment yet

A institución do Valedor do Pobo vén de concluír de xeito favorable unha queixa na que unha muller trasladou a imposibilidade de poder utilizar os servizos da plataforma e-Saúde en nome dos seus pais e axilizar así os seus trámites ante o Servizo Galego de Saúde (Sergas). Sanidade negáralle esta posibilidade nun principio dado que a promotora da queixa nin sequera era usuaria do Sergas, polo que non constaba como usuaria a efectos de acreditar a identidade.

Sendo os pais da muller usuarios da tarxeta sanitaria Sergas e ela usuaria de Muface, a reclamante non podía acceder ós datos dos proxenitores a través da plataforma e-saúde, a pesares de contar coa autorización expresa deles para facelo.

O marco legal regulador do acceso delegado aos servizos da plataforma indicada especificaba ata o de agora que son servizos dirixidos a titulares da tarxeta sanitaria do Servizo Galego de Saúde. Polo que os pais da reclamante podían acceder aos servizos da plataforma unha vez que se creara a conta correspondente e se realizara a identificación da persoa co DNI, Chave365 ou Certificación da Fábrica Nacional de Moneda e Timbre (FNMT). A reclamante non podía acceder xa que non era titular da tarxeta sanitaria do Sergas, o que impedía a identificación electrónica da mesma.

Desde o Valedor do Pobo considérase que na implantación das novas tecnoloxías non se pode perder de vista a realidade poboacional á que van dirixidas. As plataformas electrónicas deben de resultar de fácil acceso a toda a poboación galega de xeito que ningún sector ou perfil da cidadanía se vexa excluído no seu uso por dificultades inherentes á súas condicións físicas ou psíquicas, ben sexan estas a causa da idade ou por padecer algún tipo de discapacidade. A realidade galega arroxa un amplo número de usuarios que pola súa idade non están habituados ao uso das TICs e precisan de recursos adicionais que lles permitan o exercicio do seu dereito de forma áxil, cómoda e eficiente.

Este expediente exemplifica esas dificultades coas que un sector importante da cidadanía (persoas con idade avanzada) se atopan ao utilizar a plataforma e-saúde, ou para mellor expresalo, co imposibilidade directa de aproveitarse de dita plataforma na súas xestións sanitarias. En moitos casos, este colectivo acode a familiares ou persoas próximas para que realicen, no seu lugar, aquelas comunicacións co Sergas precisas. Estes intermediarios, habitualmente son xente máis nova que pode perfectamente facer uso das novas medios electrónicos e que polas súas circunstancias utilizan este tipo de aplicacións por ser idóneas para conciliar vida laboral e persoal.

A reclamante non trataba de utilizar a ferramenta e-saúde coas claves ou datos de acceso dos seus pais, senón que trata de manexar o sistema de forma transparente, legal e limpa, evitando calquera usurpación de identidade, de forma que, cada vez que acceda á plataforma para realizar calquera xestión sanitaria en nome e beneficio dos seus proxenitores, quede constancia de que o fai a súa filla.

A Consellería de Sanidade aceptou a nosa recomendación para buscar unha solución tecnolóxica para que aquelas persoas que acrediten debidamente estar autorizadas, poidan acceder á plataforma e-saúde como representantes de terceiras persoas e realizar cantas xestións se lle permitan aos seus representados, que non poden facelo directamente por falta de oportunidade, por falta de coñecementos ou de medios.


Documentación relacionada:

Texto íntegro da recomendación emitida polo Valedor do Pobo

Q/18369/18: Axudamos a residentes dun edificio de O Vicedo a evitar a instalación dun tanatorio nos seus baixos

Xullo 11th, 2019 Posted by Casos resoltos No Comment yet

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2019. Os veciños do edificio Plaza, no centro urbano do Concello do Vicedo, acudiron á institución do Valedor do Pobo para amosar os seu rexeitamento á instalación dun tanatorio nos baixos do inmoble. A súa queixa remitida en agosto de 2018 aludía a que a posible instalación da funeraria nesa ubicación xerara un forte rexeitamento da comunidade e ampla preocupación social.

O edificio en cuestión está ubicado no núcleo do pobo, cun parque de xogos infantís e un centro multiusos para familias a unha distancia de escasos 10 metros. No momento de adquirir as vivendas sobre plano, non figurara a previsión de instalar un tanatorio nos baixos. Tampouco, como se puido comprobar na investigación despregada pola valedoría, o Plan Xeral de Ordenación Urbana preveu tal emprazamento.

A investigación permitiu comprobar os extremos apuntados polos afectados. Entre outras cuestións, verificouse a inexistencia de ordenamento municipal sobre a instalación dun establecemento de tanatorio polo que, con base no principio de vinculación positiva, so se deberían autorizar os usos previstos, quedando prohibidos establecementos doutro tipo. O local tampouco encaixaría nos usos industriais previstos para ese emprazamento. Evidenciouse ademais, nos informes obtidos da Deputación Provincial de Lugo e do propio consistorio, a existencia de doutrina do Tribunal Supremo acerca da incompatibilidade destes negocios co uso residencial.

Outras defensorías do pobo téñense pronunciado ao respecto. Ao igual que fai a valedoría, abogaron polo establecemento de tanatorios en ubicacións no marco do ordenamento urbanístico e en edificios de uso exclusivo funerario, respectando as distancias mínimas respecto das áreas residenciais.

Tal e como informou o Concello do Vicedo, a Xunta de Goberno Local na súa sesión do pasado 6 de xuño decidiu aceptar o escrito de desestimento presentado pola persoa solicitante de licenza urbanística para o tanatorio, quedando arquivado o expediente. Non haberá tanatorio nesa ubicación.

Q/1809/19: Actuamos de oficio en favor dunha persoa cega e favorecemos o traslado dunha parada de autobús en Santiago

Maio 7th, 2019 Posted by Casos resoltos No Comment yet

A institución do Valedor do Pobo aplaude o traslado da parada de autobuses interurbanos situada nas inmediacións na estación de ferrocarril de Santiago de Compostela a un emprazamento mellor sinalizado, máis accesible e próximo. O pasado mes de marzo unha persoa con deficiencia visual atopouse en serias dificultades para acadar o vello emprazamento, nas inmediacións da Residencia Barroso de Santiago. A parada aparecía mencionada de xeito impreciso na páxina web da compañía de autobuses Monbús e a ausencia de marcadores para persoas con deficiencia visual impediulle acadala sen axuda. Tras ser testemuña do acontecido, a valedoría abriu unha investigación de oficio na que se dirixiu tanto a compañía Monbús como á Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia.

A queixa de oficio veu motivada polas dificultades que unha persoa cega atopou en Santiago ao chegar nun tren procedente de A Coruña e ter que enlazar cun autobús da compañía Monbús destino Vigo. A persoa afectada, que viaxaba soa, accedeu aos horarios web da liña por medio do seu teléfono móbil. Non lle foi posible dar coa localización exacta da parada, xa que aparecía mencionada con carácter moi xenérico na plataforma (“Santiago de Compostela-Estación de Ferrocarril”). Esta circunstancia impedoulle empregar a xeolocalización para acadala.

Axudado por varias persoas, o cidadán chegou á parada que finalmente estaba situada na Avenida de Lugo, nas inmediacións da Residencia Barroso. Carecía de marquesiña, de sinalización vertical ou horizontal e de marcadores no pavimento para as persoas con discapacidade visual. A situación foi especialmente gravosa para unha persoa cega, que viaxaba soa e só dispuña do apoio dun terminal móbil (que manexaba con soltura) e cos cartos para o billete a Vigo.

A valedora do pobo, Milagros Otero Parga, pediu explicacións tanto á Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia como á Dirección da Compañía Monbús en Galicia. Ambos os dous informes confirmaron a necesidade e o traslado efectivo do emprazamento da parada en cuestión así como a activación de medidas correctoras para mellorar a accesibilidade da mesma.

Procedeuse ao cambio de parada a un emprazamento máis próximo, visible e ben sinalizado. Quedou situada en concreto fronte a Estación de Ferrocarril, na Rúa do Hórreo antes do cruce coa rúa Santiago León de Caracas, a 20 metros do centro de saúde. Este foi o emprazamento que a empresa de transporte defendeu ante o Concello de Santiago que deu o visto bo a esta localización que conta en mellor medida cos requisitos necesarios para ser parada de autobús.

A compañía xa procedeu a actualizar a información sobre horarios e paradas da súa páxina web.

A Xunta de Galicia, pola súa banda, comunicou á valedora que terá en conta o acontecido á hora de deseñar novas ferramentas para os usuarios. Deu traslado aos departamentos autonómicos implicados coa idea de que valoren as necesidades das persoas con deficiencia visual en novos proxectos de licitación.

Queixa 18868/18: Conseguimos o vao permanente en A Coruña para unha familia con dúas discapacitadas

Febreiro 11th, 2019 Posted by Casos resoltos No Comment yet

A intervención da oficina do Valedor do Pobo permitiu que dúas mulleres con problemas de mobilidade poidan acceder ao vao permanente no seu domicilio, sito na Rúa Sinforiano López de A Coruña, que levaban dous anos demandando.

A institución abriu unha queixa de oficio á que se sumou a queixa do coidador das dúas mulleres. Levaba desde o ano 2016 tratando de obter un permiso de vao permanente para o garaxe, fundamental para xestionar os desprazamentos das dúas persoas maiores ao seu cargo. Ambas as dúas téñense que mover en cadeira de rodas e teñen recoñecida a invalidez do 79% e do 82% respectivamente.

Ata o de agora o Concello herculino so recoñecera o dereito a que esta familia dispuxese dun vao nocturno e dunha praza de aparcamento para persoas discapacitadas, xa que, indicaba, a “casuística” destas cidadás non aparecía recolleita na ordenanza de vaos. Non era dabondo, xa que o traslado a consultas médicas, por exemplo, realizábase principalmente de día, coas dificultades engadidas dunha rúa en pendente e con bastante tráfico.

A revisión do caso por parte da institución do Valedor do Pobo derivou nunha recomendación ao Concello de A Coruña para que aceptase a concesión do vao en virtude da ordenanza existente. O artigo 5 deste texto xa prevía a posibilidade de outorgar o vao permanente cun informe técnico que atendese, entre outras circunstancias, á “utilidade pública da instalación”.   Para a valedora do pobo esa circunstancia de utilidade pública está máis que acreditada no caso, xa que se trata de promover medidas que favorecen a mobilidade de persoas con discapacidade e as administracións públicas, tal e como recolle a normativa na materia, deben fomentar cantas medidas resulten da súa competencia para garantir a igualdade de oportunidades e evitar discriminacións por razón de discapacidade.

O Concello de A Coruña vén de aceptar a recomendación da valedoría e procedeu a cambiar a licenza de vao nocturno por unha de vao permanente, tal e como se lle demandara. A institución do Valedor do Pobo concluíu a queixa e permanecerá vixilante de que se cumpra a medida acordada.

Queixa 16884/18: O pavimento nun tramo do paseo marítimo de Moaña será mellorado tras a actuación da valedoría

Xaneiro 3rd, 2019 Posted by Casos resoltos No Comment yet

A actuación da valedora do pobo propiciará que Portos de Galicia acometa melloras no paseo marítimo de Moraña, tras a denuncia dun particular do estado deficiente nalgún dos seus tramos.

Interpelada pola valedora, a Consellería do Mar vén de informar de que, en canto se dispoña de orzamento, procederase a reformar o pavimento no paseo do Vaticano, na zona comprendida entre o Peirao de Pasaxeiros e a coñecida como “rampla de Ramona”.

No marco da queixa, a administración confirmou as deficiencias denunciadas ante a valedoría por un particular. Estas referíanse ao mal estado do pavimento no Paseo, onde existe na actualidade un desnivel de transición entre a área de formigón coloreado e do formigón en masa que forma as franxas transversais decorativas que existen no paseo a intervalos regulares.

Portos de Galicia confirmou que na actualidade esta obra menor está pendente de execución en función da dispoñibilidade orzamentaria para acometela.

Desde a institución do Valedor do Pobo agradecéuselle ao particular a súa colaboración. Grazas ao inicio da queixa e ás actuacións dela derivadas, mellorarase o pavimento do tramo afectado.

Queixa de oficio 4059/18: Recupera a Risga e propiciamos un cambio da lei para garantir esa renda a persoas con miniempregos

Outubro 5th, 2018 Posted by Casos resoltos No Comment yet

A viguesa que perdera a Risga tras a entrada de minisueldos no fogar xa recuperou a renda íntegra grazas á intervención da valedora do pobo.

Unha actuación desta institución iniciada de oficio ante o caso dunha familia que perdera a renda de integración social (Risga) porque algún dos seus membros atopara un traballo por horas pouco remunerado, permitirá cambiar a realidade das familias en risco de exclusión social.  A Consellería de Política Social aceptou as recomendacións da valedoría e garantirá por lei o cobro inicial e o mantemento da renda cando os ingresos da unidade familiar sexan menores que a contía que lles corresponda na prestación.

A recomendación xeral, que foi aceptada pola Consellería de Política Social, instáballe a este departamento da Xunta a: “ Que revise a resolución obxecto da actuación de oficio, de suspensión dunha Risga por traballos remunerados moi limitadamente, que por tanto non evitan a situación ou o risco de exclusión social; e que se axilice o desenvolvemento da Lei 10/2013, pendente dende hai tempo, para fixar o criterio que traslada a propia consellería”. Esta recomendación foi aceptada e dará lugar a unha modificación legal. 

En canto ao caso concreto, suspendérase a Risga debido á comunicación da alta no réxime de autónomos de dous membros da unidade familiar,  sen especificar a afectada os ingresos recibidos. Faltaba por aclarar no marco da actuación de oficio que ía facer a Consellería en dous aspectos: se ía restaurar o cobro da Risga a esta familia, como así sucedeu e, en segundo termo, que pasaría co reintegro de ingresos indebidos que se lle exigía por non ter comunicado a tempo os ingresos recibidos nos miniempregos dos fillos. O último informe chegado da Xunta confirmou que a muller recuperaría a Risga íntegra a partires de outubro de 2018.

Ata que se procedeu a suspender a Risga pasaron varias semanas nas que a muller recibiu igualmente a Risga que foi suspendida en data de 7/03/2018. O baile de datas e a necesidade de comprobar os ingresos dos fillos da afectada fixo que a administración dese por feito que esta muller percibira indebidamente a Risga do mes de febreiro, reclamando a súa devolución fraccionada en doce meses desde o momento en que recuperou a renda, no mes de maio.

Unha vez xustificadas ante as consellerías as contías recibidas polos seus fillos nos seus miniempregos durante un par de meses, a Consellería recalculou as cantidades que a muller afectada debía devolver ás arcas autonómicas. Xustificada a contía definitiva percibida polos fillos como autónomos fíxose un reaxuste da cantidade a reintegrar (200 euros), algo menos dun terzo do solicitado inicialmente (650,78) e que quedou cuberto cos pagos xa realizados ata o mes de outubro.

Ao abandoar o domicilio un dos fillos, á interesada percibe agora unha contía total de Risga de 597,30 euros.

Queixa 3980/18: O Concello de Monforte atende unha recomendación da valedora e reservará prazas de emprego para persoas con discapacidade nas súas próximas convocatorias laborais

Setembro 11th, 2018 Posted by Casos resoltos No Comment yet

Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2018. A admisión dunha recomendación da valedora do pobo polo Concello de Monforte permitirá ás persoas con diversidade funcional acceder a prazas públicas de emprego municipal. As próximas ofertas e convocatorias de emprego público que realice o consistorio atenderán á reserva legal de prazas en favor das persoas con discapacidade.

O Concello de Monforte vén de aceptar unha recomendación realizada pola valedoría do pobo para axustar a reserva de prazas de emprego público municipal á porcentaxe legalmente prevista para persoas con diversidade funcional. Na súa resposta á resolución da valedora, o concello comprometeuse en concreto a “adoptar as medidas que resultan das normas legais aplicables á selección de persoal”.

Dúas queixas chegadas á valedoría do pobo denunciaban que o consistorio non estaba a dar cumprimento á taxa de emprego público para persoas con diversidade funcional. A investigación concluíu coa recomendación agora aceptada, de axustar á porcentaxe legal de emprego as convocatorias e mesmo de incluír na reserva de postos a persoas con discapacidade intelectual.

As novas medidas contentan á valedora do pobo por se estar a avanzar na efectividade de promoción de emprego público a persoas con dificultades e garantir a súa inclusión no eido laboral.

Queixa 4154/18: Conseguimos avances para que se resolvan con urxencia as valoracións de discapacidade dos enfermos graves

Xullo 26th, 2018 Posted by Casos resoltos No Comment yet

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2018. A institución do Valedor do Pobo vén de recibir a aceptación da Consellería de Política Social a unha recomendación para que se promova con urxencia a valoración de discapacidade nos casos de enfermidade grave. O pasado 24 de maio a institución abriu unha queixa de oficio ao coñecer o caso dunha muller residente en Oleiros, enferma de cancro avanzado, que levaba un ano á espera dunha valoración da súa discapacidade. No seu caso dispuña ademais de recoñecemento de incapacidade absoluta por parte do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS).

Foito da investigación iniciada a instancia da valedora do pobo, emitiuse unha recomendación para que a Consellería de Política Social resolvese con urxencia o expediente desta muller, enferma de cancro crónico, con recoñecemento de incapacidade absoluta e que levaba á espera da valoración da súa discapacidade desde o 20 de xuño de 2017.

A recomendación da valedora do pobo instou á Consellería de Política Social a que “con urxencia se resolva o expediente obxecto da actuación de oficio, relativo á valoración e recoñecemento da situación de discapacidade da afectada, posto que se atopa atrasado, de tal maneira que non se produzan demoras prexudiciais” e engadiu á necesidade de que “con urxencia se incorporen as enfermidades graves ás causas de resolución urxente das solicitudes de valoración ou revisión do grao de discapacidade”.

A recomendación foi aceptada en todos os seus termos e xa se deron os actos necesarios para cumprila. De feito a Consellería de Política Social informou de que se puxera en contacto coa afectada quedando para o 15 de agosto a cita para valorar a súa discapacidade.

Unha instrución aprobada recentemente prevé a tramitación urxente da discapacidade ás persoas con enfermidades que afectan ao pronóstico vital. Entre as mesmas inclúense a Esclerose Lateral Amiotrófica, as ataxias de progresión rápida, as distrofias musculares as escleroses múltiples de evolución rápida, as enfermidades metabólicas con trastornos motores e as neoplaxias en estadio IV.

O caso finalmente tramitouse pola vía de urxencia, tal e como recomendara a valedora do pobo, que agarda que o departamento responsable da valoración de discapacidades proceda do mesmo xeito nos casos de persoas con enfermidade grave que seguen pendentes de valoración e acumulan demoras demasiado prolongadas.

Queixa 29348/17: A valedoría conseguiu que a “Tarxeta Benvida” se adapte aos tempos dos procesos adoptivos para beneficiar a máis familias galegas

Marzo 13th, 2018 Posted by Casos resoltos No Comment yet

A Consellería de Política Social terá en conta a data de resolución da adopción na concesión da Tarxeta Benvida para apoiar ás familias adoptantes nos seus gastos durante o primeiro ano de convivencia cos menores.

A institución do Valedor do Pobo congratúlase de que a Consellería de Política Social vaia corrixir en favor das familias adoptantes o procedemento para outorgarlles as axudas derivadas da denominada Tarxeta Benvida de apoio á natalidade en Galicia. En queixas chegadas á valedoría constatouse que o regulamento para a concesión da tarxeta tiña como referencia a data de nacemento dos menores adoptados. Este requisito deixaba fóra destas axudas pensadas para o primeiro ano de vida dos rapaces a moitas familias que recorreron á adopción internacional xa que, en raras ocasións, o nacemento do menor coincidía no mesmo ano coa resolución administrativa ou xudicial de adopción e coa chegada do mesmo á familia.

A valedoría considerou necesario corrixir os requisitos en favor das familias adoptantes con atención aos prazos dos procedementos de adopción para acabar con esa situación de desvantaxe na tramitación, partindo de que a orde que regula estas axudas si que recoñece ás familias adoptantes como beneficiarias.

Na investigación despregada polo Valedor do Pobo expúxose ante a Consellería de Política Social a necesidade de que en futuras convocatorias se tivera en conta a data de resolución xudicial sen límite de idade para os nenos adoptados. O departamento da Xunta de Galicia considerou razoable facer unha excepción ao requisito xeral de que o nacemento do fillo ou filla se produza no ano en curso no que se solicita a tarxeta.

Tras a intervención da valedoría, as próximas convocatorias das axudas da Tarxeta Benvida terán en conta estas particularidades e mellorarán o apoio á natalidade por medio de adopción,  garantindo as axudas durante o primeiro ano de convivencia, tomando como data válida a que conste na resolución xudicial.

A Tarxeta Benvida é unha ferramenta dirixida a axudar as familias que teñan fillos, adopten ou estean en situación de garda con fins adoptivos dun neno ou nena menor dun ano. A tarxeta, cunha contía total de axuda de 1.200 euros (100 euros/mes) durante o primeiro ano de vida do fillo ou filla pode ser utilizada en farmacias, parafarmacias, supermercados, tendas de alimentación e establecementos de puericultura ou especializados en artigos e produtos.

Queixa 14641/17-14646/17: Compromiso de Sanidade para estudar alternativas que faciliten a petición de cita previa ás persoas maiores

Decembro 27th, 2017 Posted by Casos resoltos No Comment yet

A Consellería de Sanidade aceptou unha suxestión formulada pola Valedora do Pobo tras investigar a queixa sobre as dificultades que as persoas maiores teñen para solicitar cita previa por medio do servizo telefónico.

A queixa viña promovida por veciños de Celanova (Ourense) que constataron as complicacións derivadas da existencia dun sistema único de locución telefónica automática para solicitar cita previa no centro de saúde, sen necesidade de se desprazar ao mesmo. Tal e como relataron, as persoas maiores, e tamén outras persoas con diversidade funcional, teñen serios problemas para seguir o fío das preguntas automáticas e para facer entender a súa voz por medio destes sistemas. Este grupo de poboación carece ademais de coñecementos e medios para acceder ás citas por Internet. A solicitude presencial, outra das alternativas, esixe a estes cidadáns desplazarse ata o centro de saúde, cando non todos presentan condicións óptimas de mobilidade.

A valedora dirixiu a finais de outubro a Sanidade unha suxestión encamiñada a incorporar un mecanismo alternativo de atención telefónica. Os afectados por esta situación necesitaban dun sistema que lles permitise falar “cunha persoa física” para ser atendidas.
A valedora defendeu a necesidadede de sistemas que permitan prestar servizos deseñados para todos. A suxetsión dirixida ao departamento da Xunta de Galicia ía na liña de que se estuden “novas opcións” no sistema de cita previa que teñan en conta “as dificultades” coas que se topan persoas maiores ou que “sofren limitacións funcionais”, de forma que non vexan diminuído o acceso a tal procedemento “por consistir este basicamente nunha ferramenta de locución automática”, evitando así desprazamentos aos centros de saúde.
A valedoría puido concluir o expediente de xeito satisfatorio tras coñecer a aceptación da suxestión por parte do órgano supervisado, que asume o contido comprometéndose a estudar outras opcións para tratar de evitar os problemas detectados.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal