Queixa 14415/15: A administración educativa acepta regular o intercambio temporal de destino de docentes con independencia da súa condición de interinidade

09 Maio, 2017 Casos resoltos

 

A institución do Valedor do Pobo recibiu a queixa dun particular que solicitara, sen éxito, ante a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, unha permuta provisional de destino entre docentes de ensino secundario, coa particularidade de que unha das persoas afectadas era funcionario e a outra interina.

Tras coñecerse o informe da Administración educativa, a valedoría estimou dirixir unha recomendación instando a esta a estudar a implantación dun “mecanismo de intercambio provisional de destinos” equivalente ao previsto na actualidade ao persoal funcionario de carreira. A adaptación desa figura aos perfís propios do persoal interino, se indicaba, podería eliminar a diferenza de trato existente na actualidade respecto dos docentes funcionarios. Por outra banda, a Xunta de Galicia, daría cumprimento con esta medida aos mandatos da Lei de apoio á familia e á convivencia de Galicia, establecendo nos seus centros e servizos medidas para facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das empregadas e empregados públicos con responsabilidades familiares.

O 27 de abril de 2017, por medio dun oficio, a administración aceptou a recomendación realizada. Informou de que na actualidade se traballa na busca dun instrumento normativo que antes do inicio da actividade lectiva de cada curso escolar, permita organizar o intercambio temporal dos destinos correspondentes. Ese intercambio poderá facerse entre quen ocupe inicialmente os postos afectados, con independencia de que se trate de persoas funcionarias de carreira ou en condicións de interinidade.

Santiago de Compostela, 9 de maio de 2017

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal